Candidatura nacional de unidade para que Galiza teña voz soberana no Congreso

“O BNG formula unha candidatura nacional galega non só para as forzas nacionalistas e non só para os nacionalistas, senón unha candidatura nacional e, por tanto, para defender os intereses de Galiza como nación, que poda recoller a todas as forzas políticas, persoas e a cidadanía galega que queira ter unha representación propia e soberana no congreso para defender os intereses inmediatos e estratéxicos de Galiza”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, respondía así as preguntas dos medios en relación a conformación dunha candidatura para os comicios xerais, nun contexto no que se suceden os pronunciamentos políticos de cara a esa cita electoral.

Vence insistiu en que o obxectivo é que Galiza teña grupo parlamentario propio no Congreso sen supeditación algunha a ningún outro grupo parlamentario, nunha lexislatura que será “transcendental”. Considera que “hai espazo para o encontro”, e valora que as resolucións adoptadas por Anova camiñan “cara unha confluencia coa proposta do BNG dunha candidatura nacional galega de unidade, senón é así terán que explicar cales son as diferencias”, indicou.

“Estamos por unha candidatura nacional e non necesariamente nacionalista, aínda que os nacionalistas seríamos obviamente o motor e cun programa de contido nacional forte para defender Galiza como nación”, recalcou.

O dirixente do Bloque fixo fincapé na “disposición” a “falar con todos” para construír esa gran candidatura que “non ten que ser unha candidatura que agrupe só ás forzas políticas organizadas”.

Por contra, Vence salientou que “ten que ser unha candidatura con capacidade para englobar a toda a cidadanía galega que se sente nacionalista, que ten espírito nacionalista ou mesmo que non se recoñece como nacionalista pero que quere ter unha gran candidatura para ter un gran resultado e un grupo parlamentario propio en Madrid que poda defender Galiza con forza”.

Deputacións provinciais

En relación a composición do órgano de goberno da Deputación da Coruña, Vence explicou que o BNG aspiraba a presidir o organismo provincial porque así o permitía a pluralidade de forzas políticas alternativas ao PP e por considerar que unha presidencia nacionalista sería a mellor garantía para desenvolver “con decisión” o programa marco que prevé adelgazar e democratizar estas institucións.

Nese sentido, lamenta a decisión de Marea Atlántica de “bascular a balanza a favor do PSOE” que, a xuízo do BNG, non responde ao programa electoral que presentou á cidadanía.

“É unha decisión que non responde ao programa electoral presentado á cidadanía por Marea Atlántica que recollía camiñar con decisión en dirección ao desmantelamento das deputacións e, obviamente, é o BNG e non o PSOE quen con máis clareza aposta por ese obxectivo”, argumentou Vence.

Igualmente, o dirixente nacionalista lembrou que nese mesmo programa tamén declaraban que, a nivel supramunicipal, apostaría por alternativas políticas ao PP e ao PSOE. “Pero neste caso, tendo a opción de terzar entre BNG e PSOE, optan polo partido socialista”.

“Tomamos nota dese acordo que pensamos non responde á vontade dunha gran parte da cidadanía que os votou por un programa máis ambicioso, pero na primeira oportunidade para demostrar esa aposta por un cambio máis profundo nas deputacións, prefiren dar un paso atrás e pregarse á vontade do partido socialista na provincia da Coruña”, alegou Vence.

En todo caso, o BNG esixirá o cumprimento estrito do programa marco e traballará para que se cumpra desde o primeiro minuto.

Adianto electoral

Vence tamén foi interpelado por un posible adianto electoral dos comicios galegos. “Por nós canto antes mellor, é o que gañamos os galegos e as galegas, ter a oportunidade canto antes de poder derrotar ao PP en Galiza”, argumentou, tras expresar que o seu convencemento de que Feijóo non dubidará en adaptar o calendario electoral “aos seus intereses persoais de cara a facer carreira política en Madrid”.