A candidata do BNG, Ana Pontón defende medidas para unha nova política forestal
A nacionalista afirmou que as explotacións do monte con beneficios e sen industria do lume non arden
Na visita ás instalacións da XVI edición do evento deportivo O Marisquiño que se está a celebrar na cidade de Vigo, a candidata á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón insistiu en que os incendios nos montes galegos teñen causas estruturais polo que reclamou novas políticas agrarias, plans de prevención e servizos de extinción de incendios dependentes da Xunta de Galiza. A nacionalista reclamou cambios en profundidade na política forestal da Xunta de Galiza á que acusou de alimentar a industria do lume coa recalificación de terreos queimados.
A candidata do BNG lembrou que no período bipartito, o BNG sentou as bases para cambiar a política forestal e ordenación do territorio así como franxas de protección das vivendas e estradas pero coa chegada do PP ao goberno todas aquelas medidas, encamiñadas a protexer os nosos montes, foron rexeitadas. Neste sentido tamén lembrou que foi desmantelado un servizo único de corpo de bombeiros forestal dependente da Xunta de Galiza fragmentando o dispositivo ao igual que foron reducidas as franxas de seguridade. Agora, sentenciou, o lume chega ás casas.
Medidas cara unha nova política forestal, tralo 25 S
Ante os medios de comunicación , a nacionalista fixo un chamamento para que a partir do 25 de setembro mude a situación política en Galiza. O BNG, dixo, presenta un programa con propostas en materia forestal entre as que destacou: plans plurianuais de prevención de incendios e deixar de subvencionar as plantacións de especies de rápido crecemento que arden con moita facilidade. Nós, remarcou, apostamos pola reforestación de especies de crecemento lento e rendibles así como recuperar os contratos sostibles para ás persoas que viven no rural e están dispostas a coidar do medio.
Para a candidata do BNG resulta imprescindible traballar no inverno na prevención de incendios e reiterou que o goberno de Feijóo debe asumir responsabilidades. Non entendemos,explicou, que alguén nos critique porque pedimos un cambio da política forestal e aos que nos critican recomendoulle mirar as declaracións de Núñez Feijóo no ano 2006 e que busquen as cartas que enviaba o Partido popular aos seus alcaldes e alcaldesas para que non colaboraran co servizo de extinción.
O BNG seguirá facendo propostas para cambiar a política forestal, estamos fartos e fartas de ver como arde o noso monte. Os incendios apáganse en inverno e as administracións non poden seguir mirando para outro lado. Hai zonas con explotación do monte que con beneficios e onde non se alimenta a industria do lume vemos que non arde, polo tanto é posible reducir a incidencia dos incendios.
O Marisquiño sitúa a Galiza dentro das competicións deportivas internacionais
A candidata nacionalista lembrou que o BNG cando tivo responsabilidades de goberno, no concello e na Xunta de Galiza, apostou por dimensionar o festival O Marisquiño pola súa repercusión no coñecemento da cidade de Vigo e Galiza e como elemento dinamizador para o comercio e hostelería.