Cambalache PP-PSOE para apuntalar o bipartidismo na Cámara mesmo a costa de vulnerar a lei da CRTVG
O BNG non descarta emprender accións legais ante o proceso de renovación do consello de administración da CRTVG pactado entre PP e PSOE de costas á Cámara, por entender que se trata dunha ilegalidade manifesta e dun disparate que incumpre a Lei de Medios Públicos de Galiza.
O portavoz parlamentario nacionalista, Francisco Jorquera, explicou que o cambalache entre socialistas e populares, -que se consumará no pleno extraordinario da próxima semana-, vulnera a mencionada lei porque ignora que a renovación do consello de administración do ente ten que ir acompañado da escolla dun novo director/a e dunha proposta marco.
Pese á solicitude dos grupos parlamentarios BNG, AGE e Mixto, os servizos xurídicos da Cámara non facilitaron ditame algún sobre o asunto na xunta de portavoces.
O acordo PP-PSOE, -que tamén inclúe a renovación do Consello de Contas e do Valedor do Pobo e a reforma precipitada do regulamento da Cámara-, pretende blindar o status bipartidista do Parlamento recortando capacidade de iniciativa ao resto dos grupos, criticou Jorquera.
Úsase o Parlamento como decorado para referendar o que xa cociñaron por detrás e reproducindo un esquema de cotas que atenta contra a independencia que deben ter os órganos estatutarios e da a radiotelevisión públicas, afondou o portavoz parlamentario.
A mesma convocatoria do pleno extraordinario imposta polo PP en horario vespertino evidencia o desexo de minimizar o debate na opinión pública nun momento en que Feijóo quere presentarse como campión da rexeneración democrática. En definitiva, argumenta Jorquera, quere culminar o trámite das leis que formar parte da súa operación de lifting para encubrir a falta de iniciativa do seu goberno e a súa falta de compromiso na loita contra a corrupción.
Os dous plenos extraordinarios consecutivos da vindeira semana aprobarán tamén a reforma da lei do consello de contas, a de iniciativa lexislativa popular e participación cidadán no Parlamento, a de financiamento dos partidos políticos e acollerá comparecencia do goberno en relación á crise do sector leiteiro, tras vetar o PP a comparecencia de Feijóo.