Cambados, exemplo de goberno “aberto, a favor do benestar da veciñanza e desenvolvemento cultural”

  • A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Cambados onde foi recibida polo tenente de alcalde, Víctor Caamaño e as concelleiras Tereixa Prado e María Xosé Cacabelos. A portavoz nacionalista contrapuxo a xestión municipal do BNG fronte os anos de maioría absoluta do Partido popular

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e a deputada por Pontevedra, Montse Prazo realizaron hoxe unha visita institucional ao concello de Cambados onde foron recibidas polo tenente de alcalde do BNG, Víctor Caamaño e as concelleiras nacionalistas, Tereixa Prado e María Xosé Cacabelos.

Ana Pontón resaltou a xestión nacionalista do concello e congratulouse do resultado das eleccións municipais por conseguir rompera a maioría absoluta do Partido popular, “abrindo unha nova etapa para o concello de Cambados”. Neste sentido, explicou que o traballo municipal do BNG mantén tres principios baseados na “apertura dos concellos ao pobo” para devolverlle estas institucións á cidadanía a través dos impulsando consellos de participación, políticas de protección do  medio ambiente, e nunha ría como esta, recalcou, principal motor económico, e un terceiro piar relacionado coa recuperación cultural con especial atención á tradición e dinamización do viño.

A portavoz do BNG anunciou que nos vindeiros días, o grupo parlamentario nacionalista presentará diversas iniciativas no Parlamento galego vinculadas a actuacións no concello de Cambados porque consideramos,  afirmou, que o cambio que se está a producir neste concello é un exemplo do labor político de concellos gobernados polo BNG, “abertos, democráticos, e vinculados á cultura galega”.

Pontón tamén destacou o apoio do BNG ao emprego feminino que “precisa de políticas de apoio para o seu incremento” sobre todo, nun concello tan relacionado co sector do marisqueo, fonte de riqueza que debe continuar o seu desenvolvemento.

Tras a visita ao concello, a portavoz do BNG  mantivo un encontro con cargos orgánicos e militantes para coñecer máis de preto as demandas de Cambados e bisbarra.

Pola súa parte, o alcalde do BNG de Cambados, Víctor Caamaño salientou que o principal problema do concello sitúase na relación de postos de traballo e as necesidades reais dos servizos municipais porque “non se corresponde coas infraestruturas realizadas durante anos”. O alcalde recalcou que as infraestruturas fixéronse “sen pensar na dotación de traballadores e traballadoras e coa distribución adecuada”. Asemade, o rexedor tamén criticou que tanto a Xunta como o  Partido Popular persistan nunha estratexia política de permanente “campaña para as próximas eleccións municipais”.