Cálido tributo á memoria de Domingos Dosil
A Antiga Fábrica de Sal foi o escenario, en Muros, dun cálido e moi concorrido tributo á memoria de Domingos Dosil, activista polos dereitos dos minusválidos, alcalde da vila e sobre todo grande patriota e grande nacionalista galego, tristemente falecido.
Na homenaxe tomou parte o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez. Na súa alocución, o líder nacionalista gabou a "determinación, a coraxe e a convicción patrióticas" das que Domingos fixo gala durante toda a súa vida.
Domingos, dixo Guillerme, tiña todo o que ten que ter un nacionalista galego: determinación, compromiso, coraxe. Era un home bon, claro que si; era un home xeneroso, por suposto que si.
Entrega e traballo
O portavoz nacional destacou que a traxectoria vital de Domingos mostra que a política é unha das actividades máis nobres que pode desenvolver un ser humano. Porque a política é iso, entrega e traballo na defensa dos intereses colectivos, traballo para construír unha sociedade e un mundo mellor para todos, engadiu.
Concluíu Guillerme dicendo que a mellor homenaxe que lle podemos render a Domingos é traballarmos duro con determinación, entusiasmo e ilusión para que o 21-O o pobo galego diga alto e claro que estamos fartos das políticas de recortes e que queremos outro estatus político para Galiza.