Bouza: "Feijoo debe explicar o destino do recadado co copago farmacéutico"
Ana Luísa Bouza teme que o aforro farmacútico sexa destinado a máis propaganda e cumplir o déficit marcado polo PP
A portavoz de Sanidade do BNG, Ana Luísa Bouza presentou hoxe, en sede parlamentar, dúas proposicións non de Lei relativas ao impacto nos ingresos dos pensionistas tralas ultimas medidas do Goberno galego en materia de copagos farmacéuticos e a decisión do Goberno do Estado para excluír da asistencia sanitaria aos inmigrantes.
No transcurso da rolda de prensa, a parlamentario cuestionou o destino dos fondos aportados á Xunta de Galiza polo copago farmacéutico realizado polos pensionistas, Núñez Feijoo deber explicar o destino do recadado e confirmar que non será empregado para cumprir o déficit ou en campañas de publicidade-manifestou.
Copago a pensionistas
Bouza asegurou que a implantación do copago farmacéutico significou que a mesma semana da entrada en vigor da medida producira un cambio nos prezos mínimos e a exclusión de deteminados fármacos financiados, o que provocou o seu desabastecemento ata que o Sergas viuse obrigado a dispensar medicamentos por riba dos prezos marcados.
Os pensionistas galegos perderon no mes de xullo 3 millóns de euros
A deputada criticou a avaliación do Goberno galego sobre o copago farmacéutico e cualificou de talante antidemocrático presentar en rolda de prensa os datos do copago tras o primeiro mes da súa aplicación antes de seren publicados.
Bouza precisou que os resultados do mes de xullo non representa un aforro farmacéutico porque non diminuíu de maneira considerábel o número de envases, a cantidade de fármacos nin o prezo dos mesmos, o que realmente se produce,-dixo- é unha transferencia de gasto farmacéutico aos particulares.
Para a deputada esta situación evidencia que en Galiza durante o mes de xullo produciuse un recorte de 3 millóns de euros nas pensións non relacionado cos ingresos dos pensionistas pero si en función da súa saúde e da medicación que precisan.
O PP culpabiliza do gasto sanitario as persoas enfermas a través dunha campaña publicitaria
A deputada tamén criticou que esta circunstancia coincidira cunha campaña publicitaria para animar as persoas enfermas a racionalizar o gasto en fármacos, campaña que sen embargo, dixo, non explica- o destino do aforro.Neste sentido, volveu reiterar que o Presidente da Xunta debe explicar se a cantidade recadada será utilizada como anunciou para construír centros de saúde ou recortar o déficit e seguir facendo propagand
O PP quer deixar sen cobertura sanitaria aos inmigrantes
Por outra parte, a portavoz de sanidade do BNG aludiu á proposta do Ministerio de Sanidade para regular o acceso da sanidade pública a colectivos excluídos da tarxeta sanitaria a partir do mes de setembro.
Bouza explicou que esta nova medida afectará aos inmigrantes en situación irregular e persoas residentes polo que o BNG insta ao Goberno a consensuar unha estratexia de país para responder á medida.
Na súa opinión, Galiza debe prestar atención sanitaria universal a todos os residentes porque é posible e a poboación inmigrante e moito menor que noutras comunidades. Asemade, afirmou que de aplicarse esta medida, moi poucas persoas do colectivo inmigrante poderán subscribir a cota anunciada.
A deputada explicou que o borrador de sanidade establece esta cota para un seguro privado en 710 euros para menores de 65 anos e 1.860 para os que superen esta idade ao fin de acceder ás prestacións básicas sanitarias e criticou a ausencia de medidas contra a economía somerxida que agocha a situación irregular dos inmigrantes.
Bouza concluíu afirmando que o BNG defenderá, a través dunha proposición non de lei, garantir a cobertura sanitaria en Galiza a todas as persoas residentes e establecer controles para aplicar esta cobertura co rigor e transparencia necesaria.
http://youtu.be/aNIlGlLWt_w