BNG votará en contra dos orzamentos de Defensa para rexeitar o incremento do gasto militar
Néstor Rego alerta que o aumento “indecente e escandaloso” do gasto militar irá en detrimento de “políticas verdadeiramente sociais”, entre outras de incremento das axudas sociais, de suba das pensións mínimas ou de fortalecemento de servizos públicas esenciais como os asistenciais ou a sanidade.
“Cunha Atención Primaria colapsada, parece que a prioridade do Goberno de PSOE e UP é comprar máis avións de combate, máis helicópteros e máis mísiles” critica o deputado do BNG
O Bloque Nacionalista Galego votará en contra dos Orzamentos da sección de Defensa -á que presentou unha emenda á totalidade de devolución- ante o aumento do gasto militar e defende que, nun contexto de crise social e económica, as prioridades do Goberno do Estado deberían ser outras, como apostar de maneira decidida por políticas sociais. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamenta a mudanza de posición de Unidas Podemos ante este incremento “que antes criticaban e agora calan e votan” e rexeita a “demagoxia” do Partido Socialista nesta materia.
A frente nacionalista presentou unha emenda de devolución da sección de Defensa por entender que, nun momento de crise económica non pode ser avalado un incremento tan elevado do gasto militar, practicamente 26%, a partida que máis sobre de todos os Orzamentos do Estado . Neste sentido, o BNG destaca que “neste conterxto de crise social e económica, de extremas dificultades para as clases populares e traballadoras, destinar inxentes recursos a gasto militar é unha auténtica aberración”.
“Quero expresar o rexeitamento do BNG ao incremento máis visíbel e notorio nestes orzamentos que é precisamente o do gasto militar” enfatiza o deputado do BNG. Néstor Rego explica que este incremento, de 3.000 millóns de euros, súmase aos 22.000 millóns que, incluíndo Defensa e outros ministerios -segundo os datos achegados polo Centro Delàs de estudos pola paz-, están xa activos. “Estamos a falar, en total, duns 25.000 millóns de euros, o que xa supera 2% do Produto Interior Bruto” denuncia.
Mais, esta situación, segundo destaca o deputado nacionalista, “pode ser peor” porque se computarmos todas as partidas que se inician, nunha programación plurianual, en 2023 e acaban en 2029, sumamos “nada máis e nada menos que 17.000 millóns de euros”. En total, estaríamos a falar de 3,2% do PIB e perto de 40 mil millóns de euros. “Mesmo contando as baixas de partidas que finalicen antes de 2029, o orzamento militar estaría moi por riba de 2% do Produto Interior Bruto”, sinala Rego.
“As necesidades sociais son outras e as prioridades do Goberno deben ser outras: aumentar as axudas sociais -como o Ingreso Mínimo Vital, ou as prestacións por desemprego-, incrementar as pensións mínimas, impulsar os servizos asistenciais, mellorar os servizos públicos fundamentais como a sanidade ou a educación” enumera o deputado do BNG. “Cunha Atención Primaria colapsada, parece que a prioridade do Goberno de PSOE e UP é comprar máis avións de combate, máis helicópteros e máis mísiles” exemplifica.
Rego lamenta a mudanza de posición de Unidas Podemos que, no seu apoio aos Orzamentos, “esquecen facer mención a este incremento do gasto militar”. “No seu día foron críticos e, agora, parece que xa non o son e aproban gastar máis en armamento” recrimina.
“O BNG non apoiará este incremento e votaremos en contra desta sección” afirma o deputado da frente nacionalista na cámara baixa. Segundo explica Rego, este incremento non xerará postos de traballo no Estado e terá como principal beneficiario o complexo militar industrial norteamericano, o que fica en evidencia porque algunhas partidas teñen nome e apelidos: os mísiles Patriot PAC3 fabrícaos a Lockheed Martin, o principal fabricante de armas do mundo. “Permítanme achegar tres cifras: mísiles Patriot PAC3, 1.369 millóns de euros; avión substituto do C-15M, 4.500 millóns de euros, avión substituto do AV-8B e do C-15M segunda fase, 6.250 millóns de euros” enumera.
“É indecente e escandaloso que a prioridade do Goberno do Estado, que se autodenomina o goberno máis progresista da historia, sexa gastar máis en armamento en vez de apoiar de maneira decidida políticas verdadeiramente sociais ou destinar estes recursos a políticas para o incentivo económico ou creación de emprego, especialmente cun plan de emprego xuvenil que nunca chega” asevera Rego.
Durante a súa intervención, Rego desmentiu as declaracións da Ministra de Defensa referidas a aposta do Goberno polas vías pacíficas. “Nos últimos meses están alentando a escalada belicista que, precisamente, xustifica decisións como este incremento do gasto militar” acusa o deputado nacionalista.
“O BNG, desde unha perspectiva de esquerdas, antiimperialista, de defensa da paz e dunha aposta pola coexistencia pacífica entre pobos e nacións ou, simplemente, desde unha perspectiva de sentido común, sabendo cales son as prioridades en cada momento, non se pode apoiar este brutal incremento do gasto militar” sinala Rego. O BNG ten claro que a prioridade son as políticas sociais “esas que o Goberno non cumpre con estes orzamentos”.