congreso

BNG votará en contra na investidura de Feixóo

Néstor Rego

O PPdeG apela a súa condición de galego mais a verdade é que lexislou en contra da nosa lingua e quere prohibir o seu uso en espazos como o Congreso

Néstor Rego avanza que, ademais de non querer participar “nunha escenificación partidista do Partido Popular”, a investidura de Feixóo é a “crónica dun fracaso anunciado”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o voto en contra da organización nacionalista na investidura do candidato popular, Alberto Núñez Feixóo. Rego sinala que unha hipotética presidencia de Feixóo suporía “un retroceso claro e un recorte en dereitos e liberdades” amparándose tamén na experiencia do candidato popular durante a súa etapa como Presidente da Xunta de Galiza. Así mesmo, subliña que a organización nacionalista non participará da escenificación partidista que está a realizar o Partido Popular para protexer a Feijóo despois de saber que a súa investidura é a cronica dun fracaso anunciado”.

O Bloque Nacionalista Galego, após rexeitar manter unha reunión co Partido Popular, anuncia o seu voto en contra na investidura do candidato popular, Alberto Núñez Feixóo. O deputado nacionalista avanza que, ademais de non querer participar “nunha escenificación partidista do Partido Popular”, a investidura de Feixóo é a “crónica dun fracaso anunciado”.

“O PPdeG apela á condición de galego do candidato Feixóo mais nós xa sabemos o que significa para a Galiza ter un Presidente galego do Partido Popular. O que fixo Mariano Rajoy foi baixar o investimento na Galiza de máis de 2.000M€ a menos de mil millóns de euros, (936M€ en 2018) a pesar de termos un déficit evidente, sobre todo en materia de infraestruturas e servizos.

Legado de Feixóo na Galiza

Alén do máis, o deputado nacionalista saca á luz o feito por Alberto Núñez Feixóo como Presidente da Xunta de Galiza. “Triplicou a débeda de Galiza, pasando de 4.000M€  a máis de 12.000M€ en trece anos, perdeu máis de 45 mil empregos na industria após o peche de numerosas empresas e diante da pasividade da súa Administración, emigrou máis de 10% da poboación galega -300.000 persoas- durante a súa presidencia por falta de oportunidades laborais e de vida” enumera Rego.

Mais, ademais destes resultados, cabe engadir a folla de ruta privatizadora nos servizos públicos. “Na educación aumentou as partidas para a privada concertada, incluíndo os centros que segregan por sexo e precarizou e avanzou na privatización da sanidade pública. Cero residencias públicas de persoas idosas construídas durante a súa presidencia, porque entende a vellez como un negocio para as súas empresas amigas, e cero competencias asumidas para o autogoberno da Galiza en 14 anos” engade.

Lexisla en contra do galego

“Os que apelan á liberdade de lingua prohiben que no noso País haxa materias que poidan ser impartidas na nosa propia lingua” lembra Rego a respecto do Decreto do Plurilingüísimo, unha das primeiras medidas de Feixóo na Xunta de Galiza. Agora, engade, posicionándose en contra do uso do galego no Congreso: “o Partido Popular de Galiza votou no Parlamento da Galiza en contra dunha proposta que apoiaba a iniciativa de empregar con normalidade as linguas que son oficiais nunha cámara como o Congreso” finda.