O BNG votará en contra da presenza de VOX na Mesa do Congreso
O deputado electo polo BNG, Nestor Rego, avanza o voto en contra da formación nacionalista a esa presenza da ultradereita.
“O Bloque ten plena disposición de colaborar para que VOX non estea na Mesa do Congreso, porque entendemos que é unha cuestión de mínima esixencia democrática evitar que unha forza claramente antigalega, que nos nega como nación, que ataca a nosa lingua e a nosa cultura, unha forza ultra españolista, antidemocrática, machista, racista e homófoba gane espazos nos que espallar o seu discurso de odio”, argumenta Rego.
Un discurso, dixo, “nas antípodas do que precisa unha sociedade que queira avanzar en dereitos, liberdades públicas e en benestar”.
Ao deputado nacionalista non lle sorprende a posición do PP de permitir que a extrema dereita forme parte do órgano director da Cámara baixa.
“Non nos sorprende que non queira contribuír a este obxectivo porque no fondo partilla esas mesmas ideas que VOX defenda dunha maneira desacomplexada e comparte con esta forza pactos de goberno en diferentes territorios. E unha responsabilidade do PP dar ás a ese discurso e permitir que avance ese discurso que vai contra os dereitos sociais e nacionais de pobos como Galiza”, subliñou.
“Desde logo, no que dependa do BNG vamos contribuír a evitar que VOX teñan máis espazos e, neste caso concreto, que VOX teña presenza na Mesa do Congreso”, sintetizou.