Parlamento Galego

O BNG vota en contra dos orzamentos do PP para 2020

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas: “Son continuistas, centralistas e sen proxecto e alternativas  aos retos de futuro”

O BNG amosou hoxe a súa aposición ao Proxecto de Orzamentos ao considerar que non  resolve os problemas nin tampouco os novos retos de futuro que se presentan en Galiza.

A deputada  do BNG, Noa Presas, defendeu “unha emenda á totalidade”, de devolución ás contas do PP para non lexislar, dixo, dende a “ improvisación. Neste sentido, criticou que durante a última década, o Partido popular aplicara  unha folla de ruta para ocultar os incumprimentos, os anuncios e a falta dun proxecto económico e desenvolvemento, “máis alá do Xacobeo 2021”.

A nacionalista  lamentou que o Partido popular non aceptara ningunha das 386 emendas defendidas polo BNG destinada a iniciar “un cambio de rumbo político e económico” en Galiza e seguir na senda dos recortes e as privatizacións.

Na súa intervención criticou o aumento da desigualdade social, a precariedade e temporalidade laboral da que dixo,   hoxe en Galiza “ter un traballo non significa non ser pobre, nin significa ter tranquilidade para o seguinte mes. Este é o resultado de acatar as lesivas reformas laborais, de renunciar a intervir na economía e de converter á propia administración en axente precarizador, tanto nas súas contratas como no propio emprego público”.

Presas tamén criticou a falta de alternativas do Partido popular nas contas do ano 2020 contra  a crise industrial galega así como o baleirado  dos servizos públicos. Por outra parte, para a deputada, o  proxecto de orzamentos  subestima as incertezas dun contexto marcado por un Brexit  seguro, unha  guerra comercial chea de incógnitas e  unha ralentización económica mundial é innegable. Grazas ao paso do PP pola Xunta, afirmou,  estamos nunha peor situación para enfrontar ese contexto. As emendas que hoxe defendemos evidencian un modelo alternativo posible para impulsar a economía e o marco político galego cunha relación diferente co Estado que permita as nosas prioridades de gasto e “sen o corsé de estabilidade  financeira inxusto e desigual”.

Neste sentido reclamou  un sistema de financiamento xusto que deixe de supoñer a perda de 3.500 millóns de euros ao ano para as arcas galegas.

A parlamentaria reiterou que a política fiscal do PP é “regresiva” e agasalla aos ricos que herdan un millón de euros.  Estas  políticas fiscais, recalcou, son a principal causa do medre das desigualdades polo que necesitamos mudar de política de ingresos para ter máis recursos.

O BNG PIDE BLINDAR OS SERVIZOS PÚBLICOS

A parlamentaria pediu ao Partido popular que “prometa  menos” e se comprometa a incluír nos Orzamentos para o 2020 que os servizos públicos non van ter nin un euro menos do que reflicte o proxecto. “Si teñen que recortar fágano no Xacobeo pero non coas salas de partos, pediatras, matronas, persoal de enfermería ou docentes”.

Por outra parte, Presas denunciou a privatización en Sanidade e dependencia co 65% de prazas privatizadas en Galiza, “un nicho de negocio” na atención á vellez como afirmou a exconselleira do PP, Rocio Mosquera.

A deputada responsabilizou ao Presidente  Núñez Feixóo de converter a Xunta de Galiza   en “campioa da temporalidade” como demostra a letra pequena do emprego público, “nestes anos caeron as cifras do persoal fixo e pola contra, medrou a temporalidade, medrou o persoal estatutario temporal, nun  38%, o funcionariado interino no 59% e o persoal laboral temporal, un 125%”.

Presas rematou a súa intervención anunciando o voto en contra do BNG ao Articulado por considerar que obedece a “un marco centralista” que  imposibilita exercer o  autogoberno galego,  contrarrestar os recortes acumulados sobre os servizos públicos para blindalos e un novo impulso para  a  nosa economía.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG