O BNG vota en contra da Lei de Costas por primar a desprotección do litoral e permitir que Ence siga

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, deixou claro esta mañá no Pleno da Cámara Baixa a rotunda oposición do BNG á reforma da Lei de Costas que hoxe superaba o último trámite parlamentar coa votación das emendas introducidas no Senado.

Davila afirmou que “a única modificación que precisaba a Lei era a relacionada coa necesidade de regularizar os núcleos rurais afectados pola lei de 1988. Núcleos históricos e anteriores a 1988. Máis a modificación non é a debida”.

O PP primar a desprotección da costa, a especulación e o urbanismo salvaxe

A deputada do BNG denunciou que o Goberno e o PP “aproveitaron a modificación da lei para primar a desprotección da costa, o deterioro medioambiental e incluso a especulación e o urbanismo salvaxe”.

“Estamos totalmente en contra” espetou e engadiu que “o PP e o Goberno se empeñaron en dar facilidades e garantir que industrias contaminantes ás que se lles remataba a concesión en 2018 poidan continuar. Vostés aproveitan a modificación da Lei de Costas para asegurarlles 75 anos máis. E como a lei orixinaria non era suficientemente clara neste sentido, vostés aproveitaron o trámite no Senado e introduciron unha emenda que posibilita que empresas como Ence continúen na Ría de Pontevedra despois do 2018”.