O BNG volveu reclamar a Igualdade que interveña ante o caso de acoso laboral que sofre Nélida Pisco
Montse Prado: "A traballadora leva nove anos soportando o mobbing laboral por parte da empresa HEDEGASA concesionaria dun servizo de transporte público, que recibe subvencións públicas por parte da Xunta de Galiza"
O BNG volveu reclamar á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que interveña ante o caso de acoso laboral e de psicoterrorismo que sofre Nélida Pisco, como recollen reiteradas sentenzas e inspeccións de traballo, por tratarse dunha empresa concesionaria dun servizo de transporte público que, ademais, recibe subvencións.
A deputada Montse Prado recriminou a López Abella que, ao longo do último ano, “non tivese atopado ningún oco na súa axenda para atender a esta traballadora discriminada e acosada polo mero feito de ser muller e querer compaxinar o seu traballo coa maternidade, pois o mobbing por parte da empresa comezou fai nove anos cando solicitou a redución de xornada para atender a súa filla”, explicou.
Prado salientou as sentenzas e denuncias da inspección laboral que recollen expresamente que HEDEGASA, -autobuses Calo-, leva nove anos de acoso, hostigamento, psicoterrorismo e mobbing, a última sentenza emitida fai máis dun ano pero que a empresa se nega a cumprir e a readmitila.
Prado salientou que as políticas de igualdade “non consisten en facer proclamas desde as institucións o 8M, senón en poñerse do lado das mulleres reais con casos reais de acoso”, como o que soporta esta traballadora desde fai anos, tantos como os transcorridos desde que comunicou a HEDEGASA que quería redución de xornada para coidar a súa filla recen nacida, que precisaba de lactancia materna por problemas graves de saúde.
“Hai que dar pasos na loita contra a discriminación das mulleres en todos os ámbitos, tamén no laboral, é o momento das realidades e de que se cumpra o marco legal”, salientou Prado, tras lembrar a histórica mobilización das mulleres no pasado 8 de Marzo, ao tempo que lamentou que secretaria xeral de Igualdade “non encontrase un minuto” para atender a unha traballadora que leva nove anos de hostigamento e acoso laboral.