O BNG volve propoñer un pacto de país para a ordenación do monte e a loita contra o lume
Olalla Rodil rexeita o curtoprazismo pero insta a Feijóo a “tomar nota” porque as causas de fondo que provocaron a traxedia en Portugal están presentes en Galiza
De inmediato, posta en marcha do PLADIGA e cumprimento estrito das franxas de seguridade para vivendas e infraestruturas
Transmite a solidariedade coas familias das vítimas e co conxunto do “pobo irmá” portugués
O BNG reiterou as súas condolencias e solidariedade coas familias das vítimas da traxedia de Portugal e con conxunto do pobo luso, que xa trasladou onte ao Goberno do país veciño e ás forzas políticas, “ante unha traxedia desta magnitude que nos ten conmocionados dentro do Bloque e ao conxunto dos galegos e galegas, pola relación fraterna que temos co país portugués co que non hai fronteiras”, expresou a deputada nacionalista Olalla Rodil.
Pese ao “impacto emocional” derivado da traxedia o ocorrido en Portugal debe facer que o Goberno da Xunta tome nota porque son evidentes os paralelismos entres as causas estruturais do dramático sinistro e a situación en Galiza.
“Instamos ao Goberno galego e ao propio Feijóo a que tome note, porque dadas as causas profundas desta traxedia vemos que Galiza non está a salvo, porque as similitudes con esas causas e as que afectan ao noso territorio, ao noso monte, son evidentes”, explicou Rodil.
Pero o BNG, subliñou a deputada, “non vai caer nin no curtoprazismo, nin no oportunismo”, e como xa fixera na pasada sesión plenaria a portavoz nacional, Ana Pontón, co presidente da Xunta, “volvemos tender a man para acadar un gran pacto de país entorno a este tema crucial para Galiza, un pacto para ordenar o noso territorio, para revitalizar o rural e para ordenar o monte como mellor antídoto contra os lumes”.
“Unha vez máis facemos esta proposta”, salientou, mentres no inmediato o Bloque pon enriba da mesa dúas reclamacións concretas: Aprobación inmediata do PLADIGA, -“é incrible que a que se supón principal ferramenta de loita contra os lumes non estea operativa a tres días de empezar o verán e en plena vaga de calor”- e, por outro lado, “cumprimento estrito da normativa en relación ás franxas de seguridade coas vivendas e as infraestruturas do país”.
Entre esas causas de fondo que comparten Galiza e Portugal que favorece a lacra dos lumes: un rural abandonado, un monte desordenado e improdutivo, -“un monte literalmente a monte”, enfatizou a deputada-, franxas enteiras do territorio con monocultivo de eucalipto, “especie incendiaria cuxa extensión está totalmente descontrolada”. O BNG propón un cambio de rumbo coa man tendida para acadar un gran pacto de país neste tema crucial para preservación do territorio e, especialmente, do medio rural.