O BNG volve pedir no Parlamento elaborar “un Plan de Saúde Mental”

Montse Prado defendeu reforzar a atención sanitaria das persoas afectadas por trastorno mental, cumprir a Lei de dependencia e aumentar as partidas orzamentarias nesta materia

A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe, na comisión de sanidade, unha proposición non de lei destinada a priorizar nas políticas sanitarias a saúde mental con estratexias e plans específicos.

O Partido popular rexeitou a proposta nacionalista e afirmou que non “hai recortes nesta materia”. Tras a resposta do portavoz popular, Alfonso Núñez Centeno, a parlamentaria lembrou que o pasado 10 de outubro celebrouse o Día Mundial da Saúde Mental baixo o lema “Vivindo con esquizofrenia” no que foi denunciada a escasa atención ao colectivo “75.000” persoas que padecen este trastorno mental grave.

Prado criticou “a propaganda” que habitualmente utiliza o PP sobre saúde mental cando a realidade, dixo, é “que o 88% dos coidados dest@s doentes recae sobre as familias” e de maneira principal, “sobre as mulleres”. Os recortes nos servizos públicos, afirmou, conlevaron un alarmante deterioro na “atención especializada e cobertura das necesidades básicas” polo que reiterou reforzar as políticas sanitarias neste ámbito.

A deputada reclamou “medidas concretas” e aumentar as partidas orzamentarias para a atención mental porque é “unha responsabilidade da Administración e do Goberno”, recalcou.

Por outra parte, tamén pediu cumprir “coa lei de dependencia” e poñer en marcha “un plan de saúde Mental” porque Galiza é a única comunidade que carece dunha estratexia nesta materia.

“ O PP non ten folla de ruta e vai a salto de mata” mentres segue pechando centros e trasladando aos doentes a residencias ou a domicilios para seren atendi@s polas súas familias, concluíu.