O BNG volve a defender no Parlamento galego o dereito a unha vivenda digna

Cosme Pombo reclamou paralizar todos os expedientes de desafiuzamento en trámite e impulsar un parque de vivendas sociais que faga efectivo o dereito á vivenda

O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe unha Proposición non de lei en pleno na que insta a Xunta de Galiza a demandar, de maneira inmediata, a paralización de todos os expedientes de desafiuzamentos en trámite e impulsar un parque de vivendas sociais que faga efectivo o dereito de toda a cidadanía a acceder a unha vivenda digna.

Na súa intervención, Pombo denunciou a gran número de dramas humanos, “familias sen teito” afogadas polos bancos que reclaman os cartos dos bancos, moitas veces, “cartos mentirosos” porque xa os teñen cobrados e moitas sentenzas así o confirman.

Quén rescata as familias afogadas polos créditos hipotecarios?

O parlamentario preguntou quén rescata a estas familias? e pediu o apoio á iniciativa nacionalista que sen dúbida algunha, “resolvería parte do problema e axudaría a dar un pouco de esperanza e ilusión”, de non ser así, manifestou, “era mellor que o Parlamento galego desaparecera para algúns”.

O nacionalista tamén avogou por establecer, con carácter inmediato, unha liña de axudas que cubran os impagos temporais, durante un período de tres anos, das cotas dos préstamos adquiridos para vivendas de protección autonómica naqueles casos nos que a crise económica reducira os seus ingresos de maneira significativa e a cota mensual da hipoteca supere o 50% do IPREM.

Por outra parte, Cosme Pombo tamén reclamou da Xunta, presentar nun prazo de dous meses, un plano para a promoción de aloxamentos para colectivos especialmente vulnerábeis nas poboacións galegas de máis de 20.000 habitantes.

O nacionalista criticou a satisfacción do Partido popular a hora de defender os orzamentos galegos a pesar das criticas do comisario europeo de Dereitos Humanos tras visitar recentemente Galiza e afirmar que “os recortes afectan gravemente a infancia” e as clases sociais máis vulnerábeis pola crise.