O BNG ve na remontada un cambio de ciclo no que será decisivo para abrir un tempo novo en Galiza
Pontón: “Empezou a conta atrás para que Feixóo deixe de ser presidente da Xunta cun PP que é como un Titanic que se afunde”
Convocado o Consello Nacional para dar o pistoletazo de saída para a nova cita coas urnas nos concellos e no Parlamento Europeo
Primeira reunión da Executiva Nacional para repasar o escenario político que confirma un cambio de ciclo electoral, do que sae un BNG en remontada e completamente mobilizado para afrontar nas mellores condicións as eleccións municipais e europeas do 26M.
“Do 28A sae un BNG máis forte e con máis empuxe para afrontar os retos electorais inmediatos que encaramos coa organización mobilizada e con optimismo ao comprobar que os galegos e as galegas volven ven no Bloque a forza capaz de abrir un tempo novo e construír unha Galiza mellor desde os concellos, desde un proxecto sólido, unido e coa man tendida a todas as persoas que pensan que Galiza debe ter forzas políticas propias”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.
Destacou que se confirma “o cambio de ciclo electoral”, que arrancou nas eleccións galegas e que coloca ao BNG en disposición “de ser decisivo” para abrir ese tempo novo que rematará cun cambio na Xunta. “Empezou a conta atrás para o PP e empezou a conta atrás para que Feixóo deixe de ser presidente da Xunta e toca abrir un novo tempo político no que o BNG vai ser decisivo”, indicou.
A derrota sen paliativos do PP amosa “un Titanic que se funde” e, preguntada pola posible celebración anticipada das eleccións galegas, respondeu que o Feixóo “carece de proxecto para este país e se quere que o mandemos á oposición, canto antes convoque mellor.
Pontón destacou que pese a duplicar voto, non se conseguiu o obxectivo de ter escano no Congreso e darlle a Galiza voz propia “como teñen outras nacións do Estado” que van ter un papel clave. Por iso, avanzou que o Bloque vai impulsar desde o Parlamento o debate territorial e sobre o papel político e institucional que o noso país debe xogar no conxunto do Estado “para evitar que Galiza se quede atrás mentres outros territorios avanzan”.
Un traballo que tamén intensificará para evitar o agravio da pasada lexislatura.
“O noso compromiso é redobrar esforzos desde o Parlamento para evitar que este país volva ser discriminado polas forzas estatais. Traballaremos para que non se repita o desta lexislatura”, explicou, poñendo como exemplos a busca dunha solución para ALCOA, modernización das infraestruturas, investimentos e financiamento xustos, futuro digno xente moza emigrada, entre outros “seguen a ser prioridades que están pendentes e polas que seguiremos dando a batalla”.
O Bloque convoca para este sábado o Consello Nacional, máximo órgano de decisión entre asembleas, co fin de arrancar a campaña do 26M. “Saimos a por todas, queremos que esta remontada, que esta corrente de simpatía se estenda por todos os concellos para que sexan o motor do tempo novo que imos abrir en Galiza da man do BNG e para seguir tendo voz nas institucións europeas”, indicou.
Finalmente, Pontón volveu agradecer aos 93.810 galegos e galegas que este 28A confiaron no BNG: “Dicirlles que o seu é un voto de esperanza e que imos estar aí para defender os seus intereses”, concluíu.