BNG ve na continuidade da lexislatura unha oportunidade para avanzar na axenda galega e nos dereitos sociais e democráticos
Pontón insta a Sánchez a tomar medidas efectivas de rexeneración democrática, para frear os bulos, o lawfare e a degradación da política
Rego lamenta que o PSOE “ollase para outro lado” mentres se producían “prácticas que son incompatibles coa democracia” contra outros políticos
O Bloque seguirá facendo “política con maiúsculas” fronte a un PP que a entende como “medio para ocupar o poder”, como demostrou xa en Galiza
O BNG considera a continuidade da lexislatura no Estado como unha oportunidade para seguir avanzando no cumprimento da axenda galega e nos dereitos sociais e democráticos, tal e como se recolle no acordo para a investidura de Pedro Sánchez asinado en novembro. Así o asegurou a portavoz nacional, Ana Pontón, que compareceu ante a prensa acompañada polo deputado no Congreso, Néstor Rego, tras a declaración do presidente do Goberno do Estado.
“Máis aló das diferencias políticas, no BNG entendemos que é positivo que a lexislatura poida continuar e que o Goberno do Estado cumpra con Galiza”, asegurou Pontón, que saudou a decisión “sensata” de Sánchez porque “a súa dimisión tería sido unha vitoria daqueles que non asumen o resultado democraticamente expresado nas urnas, desde o PP ata a extrema dereita, ou determinados poderes económicos e mediáticos e xudiciais que están empeñados en torcer o pulso á vontade da maioría social”.
Pontón quixo trasladar de novo a “empatía e solidariedade” co presidente do Goberno dende o punto de vista persoal, e resaltou que “en política non vale todo, hai liñas vermellas que non se poden traspasar”. “A política -engadiu- non consiste na deshumanización do adversario político ou en converter a quen pensa diferente nun inimigo ao que hai que destruír até no persoal”.
Con todo, lamentou o tempo que tardaron en reaccionar o PSOE e o propio Sánchez, que “levan demasiado tempo mirando para outro lado e deixando que os bulos, as mentiras, a crispación, a difamación e o lawfare medraran até enlamalo todo sen facer nada para atallar este clima de degradación que se estendeu polo conxunto da política estatal”.
“Durante anos o PSOE mirou para outro lado mentres se perseguía a dirixentes de outras forzas políticas, mentres se criminalizaba a líderes da esquerda, nacionalistas ou soberanistas, ou mentres se ridiculizaba a movementos transformadores como o feminismo”, engadiu.
Pontón reclamou a Sánchez que agora “non se quede só nas palabras” e tome “medidas efectivas” para unha rexeneración da democracia que, segundo advertiu, vai precisar dun “gran impulso” e “non vai ser doada nin cousa dun día”. Destacou, neste sentido, que o Bloque “sempre vai estar do lado da verdade, da democracia e do xogo limpo”, entendendo a política “non como un arma de confrontación ou crispación senón como a mellor ferramenta para mellorar a vida das persoas e modelos alternativos de sociedade”.
“En democracia as ideas deféndense coa palabra, non se necesitan nin a descualificación nin o insulto nin os ataques a nivel persoal veñan de onde veñan”, proclamou Pontón, quen aludiu ao “respecto de quen pensa diferente” como unha das cuestións esenciais da democracia.
A portavoz nacional destacou o compromiso do BNG coa política con maiúsculas fronte a un PP cuxas campañas sucias “coñecemos ben en Galiza, que utiliza tácticas baseadas na mentira e na descualificación persoal” e que “só entende a política como un medio para ocupar o poder”. “Son especialistas en fagocitar as institucións e en deslexitimar os resultados electorais cando non lle son favorables, creando un clima de confrontación e crispación”, sostivo, lembrando que en 2005 o PP galego “case se estreou na oposición cun tumulto de alcaldes que querían tomar o Parlamento”.
Pontón aludiu tamén á “campaña sucia” do Partido Popular nas últimas eleccións galegas e augurou que repetirá a mesma estratexia nos comicios europeos, utilizando a “televisión de todos os galegos e as galegas como ferramenta de manipulación e desinformación ao servizo do PP. Malia todo, subliñou que o BNG “non caerá na trampa” e seguirá traballando coa política como “ferramenta” para defender os intereses dos galegos e as galegas, “o que implica tamén defender a democracia.
O BNG non se moverá “nin un milímetro” na defensa de Galiza
Nesta mesma liña se pronunciou o portavoz nacionalista no Congreso, Néstor Rego, quen considerou positivo que a lexislatura poida continuar porque “esa é a premisa para que o acordo de investidura que asinou o BNG se poida cumprir”, un pacto no que se recollen medidas que son “fundamentais” na axenda galega e “chave” para o desenvolvemento social e económico do País, “mais que tamén son moi necesarias para o avance en dereitos socias e democráticos”.
“Queremos que ese acordo de investidura se cumpra e instamos ao Goberno a que traballe activamente para facelo posíbel en tempo e forma, tal e como está acordado e nos prazos nos que está acordado”, resumiu Rego para advertir que o Bloque non se vai mover “nin un milímetro” da súa folla de ruta que é a defensa dos intereses de Galiza, a defensa de “políticas transformadoras para as maiorías sociais e de avances sociais e democráticos” e ser tamén “muro de contención fronte á dereita e a extrema dereita”.
Neste sentido, incidiu en que a declaración realizada hoxe por Pedro Sánchez “non pode quedar só nas palabras” senón que ten que ir “acompañada de feitos” dado que se hai unha denuncia do lawfare, do uso da mentira, do bulo, da desinformación, da manipulación e da deshumanización do adversario político, “loxicamente corresponde a quen está gobernando tomar a iniciativa para pór en marcha medidas de rexeneración democrática que poñan coto a este tipo de prácticas políticas”.
Prácticas que, segundo recalcou, “son habituais no Partido Popular” e das que “Núñez Feixóo é un mestre” porque as ten experimentado dende o ano 2005 en Galiza. “O experimentou durante ese período de goberno do Partido Socialista e do BNG, porque o utilizou de forma clarísima nas eleccións do ano 2009 e porque o continuou utilizando até as mesmas eleccións que acaban de acontecer no noso País”, afondou.
Rego apuntou como mellor maneira para frear estas prácticas da dereita e da ultradereita, “ese avance da dereita e da ultradereita”, é avanzando precisamente en todo o contrario, en políticas transformadoras e para as maiorías sociais, en dereitos sociais e democráticos e cumprindo estritamente os compromisos que o Goberno ten adquirido, “neste caso, os compromisos que ten establecidos con Galiza a partir do acordo que asinamos para a investidura de Pedro Sánchez”, subliñou. Esta é a liña na que, segundo recalcou, seguirá traballando o BNG “con absoluta firmeza democrática, porque cremos que é o que corresponde nun momento coma este”.
O portavoz no Congreso fixo tamén especial fincapé en que “hoxe xa é innegábel que o que vimos dicindo durante moito tempo é así: o lawfare existe”, concluíu da declaración de Sánchez, se ben tamén recordou que “infelizmente, o Partido Socialista ollou para outro lado, mesmo se beneficiou por veces desas prácticas”.
Para Rego, “agora que o PSOE denuncia prácticas que son incompatíbeis coa democracia”, é o momento de “actuar para evitar que isto poida acontecer”, o que significa avanzar en dereitos e rexeneración democrática, polo que, aproveitando a recente conmemoración dos 50 anos da Revolución dos Cravos, puxo enriba da mesa unha reflexión sobre as distintas formas de evolución política desde as ditaduras entre Portugal e o Estado español.
Así, recordou que mentres no caso portugués a revolución xa implicou no momento de producirse un proceso de rexeneración “nos ámbitos reais de poder”, no caso do Estado español “houbo unha chamada transición que permitiu que houbese unha continuidade de poder de moitos estamentos, especificamente no ámbito xudicial”, o que exemplificou dun xeito moi clarificador: “Un tribunal de orde pública franquista deitouse o 4 de xaneiro de 1977 como tribunal de orde pública e o 5 de xaneiro espertou como Audiencia Nacional”.
Rego animou a unha reflexión colectiva dado que, “se se quere parar este tipo de prácticas, hai que actuar”, polo que rematou reafirmando unha vez máis a posición do BNG: “Nós o que exiximos é que se actúe, porque senón todo queda en retórica baleira e cremos que o momento é precisamente o de que se poida avanzar en democracia no Estado español”.