O BNG valora positivamente a aprobación do recurso colectivo d@s consumidoras/es para estafas colectivas
Ana Miranda destaca que os servizos financeiros, a enerxía, as telecomunicacións, a saúde e o medio ambiente son os sectores nos que se poderá aplicar a regulamentación comunitaria
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e membro da Comisión de Asuntos Xurídicos (JURI), votou onte o “Informe do Parlamento Europeo” que modifica o Regulamento da Eurocámara e do Consello relativo ás accións de representación para a protección dos intereses colectivos dos consumidores e que permitirá reclamar unha indemnización colectiva.
Segundo explica a eurodeputada nacionalista, esta normativa, aprobada por maioría, “vai ser unha forte protección para os consumidores xa que poderán presentar un recurso colectivo a nivel europeo”. Ao seu xuízo, esta posibilidade equilibra as relacións entre consumidores e grandes empresas “pois a desigualdade de protección xurídica contra os abusos quedou patente nos últimos anos” en casos como os dos abusos bancarios, enerxéticos, comerciais, os ataques á vida privada de Facebook, das empresas aéreas coa anulación masiva de voos, etc.
Mediante a aprobación deste informe, o Parlamento Europeo salienta a a necesidade de que a Unión Europea adopte medidas en materia de recurso colectivo, centrándose na vulneración dos dereitos dos consumidores. Neste sentido, Miranda explica que o ámbito de aplicación abarca todas las infraccións da lexislación da Unión contempladas no documento e que sexan cometidas por comerciantes “que prexudiquen ou poidan prexudicar os intereses colectivos dos consumidores en diversos sectores”, como os servizos financeiros, a enerxía, as telecomunicacións, a saúde e o medio ambiente.