BNG urxe á Xunta para que o arranxo das deficiencias do IES Alfredo Brañas de Carballo estea rematado no inicio de curso
O deputado do BNG Daniel Pérez esixiu á Xunta unha solución para as deficiencias do IES Alfredo Brañas de Carballo e emprazou ao conselleiro de Educación a comprometerse coa comunidade educativa do centro de que as obras precisas estean rematadas para o comezo do próximo curso académico.
Nunha pregunta parlamentaria na que urxiu ao Goberno galego a acometer unha actuación integral de mellora no salón do actos do centro -incluída a colocación dun novo falso teito, así como á reposición do patio de butacas afectado pola avelaíña e a intervención no “galiñeiro” para habilitar a totalidade das butacas da parte superior-, Pérez reprochou ao conselleiro o seu “reiterado argumento dos prazos administrativos co que o Goberno do PP agocha os seus incumprimentos” e que, segundo recalcou, “neste caso non vale porque a consellería conta con fondos RAM (de Reforma, Ampliación e Mellora) que son áxiles e non están suxeitos á rixidez dos prazos administrativos comúns”.
Para o deputado nacionalista, a resposta do titular de Educación “non deixa de ser unha cortiña de fume para tapar o absoluto desleixo co que o Goberno galego castiga á comunidade educativa de Carballo” e, neste sentido, subliñou que o IES Alfredo Brañas cumpriu nese 2022 os 50 anos e “precisa como auga de maio” estas obras, “mais tamén outras actuacións nas fachadas do edificio polo perigo que existe de caída de cascotes”.
“Pódese facer recorrendo aos fondos RAM da súa consellería”, recalcou, para apelar a continuación ao conselleiro a aclarar por que razón o centro “está privado” dende hai case un ano dun elemento fundamental para desenvolver o seu proxecto educativo. “Porque entendo que vostede considera o salón de actos como un elemento importante para o desenvolvemento dun proxecto educativo -incidiu- ou ben comparte o manifestado polo portavoz do grupo parlamentario do PP no debate deste tema en comisión parlamentaria”, en referencia ao pronunciamento deste último, quen, segundo Pérez, asegurou textualmente que “o salón de actos non é unha necesidade básica e, polo tanto, non cómpre o seu arranxo inmediato”.
O deputado do Bloque emprazou así ao titular de Educación ou ben a “desautorizar estas declaracións”, ou ben a “asumilas, asumindo así unha concepción arcaica e totalmente desfasada do que é o ensino moderno”, concluíu.