BNG urxe á Xunta a nomear director do CGAI, mellorar as súas instalacións e reimpulsar a actividade do centro
Lamentou que, unha vez máis, o director de AGADIC eludira responder ás preguntas formuladas polo BNG sobre a actual situación do centro e a súa planificación futura
A deputada do BNG, Mercedes Queixas preguntou na comisión de Cultura, celebrada no Parlamento galego, polas previsións da Axencia Galega de Industrial Culturais (AGADIC) sobre o Centro Galego de Artes e Imaxe (CGAI) na actualidade, “sen dirección e coa biblioteca e mediateca pechadas”.
A deputada urxiu ao goberno a “repoñer un director ou directora no CGAI” mellorar as súas instalacións e impulsar a actividade audiovisual e cultural. Na actualidade, dixo, a biblioteca e mediateca permanecen pechadas e as proxeccións reducíronse de dúas a unha. Mercedes Queixas insistiu na necesidade de “investir para resolver o deterioro das instalacións do centro” entre as que destacou a cabina de proxección e a sala de exposicións.
Pola súa parte o director de AGADIC, Jacobo Sutil anunciou que despois da aprobación do novo estatuto da Axencia será nomeada a dirección do CGAI. A deputada lembrou que o centro leva ano e medio sen dirección.
Queixas afirmou que os éxitos do audiovisual responde á “sementeira de hai anos” pero na actualidade descoñecemos cal é a sementeira co que contamos para recoller nos vindeiros anos un produto colectivo no ámbito do audiovisual e cultural.
A deputada insistiu na necesidade de recuperar o calendario de proxeccións e adecualo a un horario que facilite o seu visionado e noutra orde de cousas, criticou que o director de AGADIC, Jacobo Sutil eludira responder ás preguntas formuladas polo BNG a respecto da partida económica e prazos para mellorar o Centro Galego de Artes e Imaxe, (Filmoteca de Galiza). Neste sentido, asegurou que os traballadores e traballadoras, así como as persoas usuarias do centro demandan esta información.
Xestión da documentación
A biblioteca e a mediateca están pechadas desde hai anos ao deixar de ter persoa encargada dela, o que contrasta coa extensa capacidade dinamizadora cultural que esta filmoteca tivo na cidade da Coruña. Do mesmo xeito é “alarmante” a falta de recursos para a necesaria preservación do arquivo histórico ou a dificultade de ensanchamento do proxecto didáctico que apenas se sosteñen grazas ao compromiso do tan minguado cadro de persoal actual polo que deputada volveu a preguntar en que condicións se atopa o arquivo patrimonial e que medios implementarán para facilitar o acceso á biblioteca, de maneira presencial e dixitalmente.
Pola súa parte, Jacobo Sutil avanzou que a praza de director será cuberta proximamente, despois da publicación do estatuto de AGADIC e con base na sede da Filmoteca. Até agora, afirmou, a xestión do CGAI era responsabilidade dos traballadores e traballadoras.
A nacionalista asegurou que despois da intervención de Sutil á que sumou recentes comparecencias do Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade “non esclareceron nada nin transmitiron a planificación dun centro estratéxico do noso patrimonio cultural como é o CGAI”, e que ano e medio despois “segue sen ver cuberto o posto de dirección e sen un proxecto de consolidación e avance deste espazo único a nivel galego e de referencia estatal”.
Mercedes Queixas anunciou que o BNG seguirá rexistrando iniciativas parlamentarias demando información sobre as previsións do goberno para recuperar a actividade audiovisual e cultural do CGAI.