BNG urxe á Xunta a “completar con fondos propios” as axudas da PAC para ecolóxico e chegar aos 5,6 M€ necesarios para satisfacer todas as solicitudes
Xosé Luís Rivas advirte que sen axudas as pequenas explotacións están condenadas a desaparecer e critica o “desleixo e incompetencia” de Medio Rural ante a desproteccións dos produtores e produtoras
Carme Aira afirma que algunhas das explotacións que se deron de alta no 2021 non accederán as axudas, a pesar dos investimentos realizados
O portavoz de Agricultura e Gandaría, Xosé Luís Rivas e a portavoz de Desenvolvemento Rural, Carme Aira urxiron á Xunta a completar “con fondos propios” a cantidade orzada, para axudas á produción ecolóxica até 5,6 M€ co fin de cubrir todas as solicitudes presentadas e que cumpran cos requisitos.
Rivas explicou que o chamado “Pacto Verde” da nova PAC propugna unha agrogandaría europea más respectuosa co medio ambiente, diminuíndo a presión dos fertilizantes e fitosanitarios e priorizando o ecolóxico. Neste sentido, lembrou que os documentos Da Granxa á Mesa persegue acadar o 25% da SAU en ecolóxico para o ano 2030. Neste escenario, as novas hectáreas certificadas en Galiza rondaban as 12.000 e o montante das axudas para esta actividade sería de 5,6 Millóns de euros. A orde de axudas establecía prioridades de 2 puntos para as explotacións de montaña e un 1 punto para as situadas na Rede Natura, sen embrago, puntualizou Rivas, este criterio “deixaba fóra a unha boa parte das pequenas granxas de leite e pequenos produtores de horta e carne de vacún en ecolóxico”.
En opinión do nacionalista, as previsións de Medio Rural constatan a súa “incompetencia “ pola insuficiencia de fondos orzamentados para cubrir a demanda. Medio Rural, insistiu o deputado, só ten previstos 3,18 M€ cando son precisos 5,6 millóns de euros quedando fóra das axudas “un 43% das hectáreas solicitadas”.
Ante a situación, volveu a reclamar ao Goberno galego “completar as axudas con fondos propios ou ben abrir unha nova liña para satisfacer a demanda das solicitudes presentadas e que cumpren con todos os requisitos”.
Rivas botou man das declaracións do propio videpresidente executivo do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans que defendeu a urxencia de aumentar a superficie de agricultura ecolóxica da UE do 8% ao 25% e a estraxia “Da Granxa á Mesa” marca como obxectivos, a 10 anos, reducir pesticidas e antibióticos nun 50%, fertilizantes nun 20% e dedicar o 25% da SAU a produción ecolóxica.
O nacionalista lembrou que a superficie en ecolóxico sitúase no Estado español no 10,24, Galiza o 4%, Cataluña o 22% e Andalucía nun 21%.
O PP e a súa política errática conduce ao sector agrogandeiro ao precipicio
O desleixo de Medio Rural, dixo, busca “cargarse o sector ecolóxico e de paso, ás pequenas explotación non profesionais”. Ademais, tampouco creou circuítos axeitados para a venda do produto ecolóxico. A consellería, engadiu Xosé Luís Rivas debe explicar como pretende chegar ao 25% proposto para a converxencia europea cando a súa política é “enfrontar o sector do leite co da carne” porque da carne só lle interesan “os cebadoiros”, non controlan os contratos, as pequenas explotacións perciben prezos penosos, e non volveron a abordar o protocolo da carne.
Pola súa banda, a deputada, Carme Aira incidiu na política errática da Consellería de Medio Rural que cualificou de “operación de acoso e derribo” das pequenas explotacións agrogandeiras. Aira fixo fincapé “na falta de planificación da Xunta” contraria a unha verdadeira “reforma estrutural do sector agrogandeiro para converxer con Europa”. A deputada explicou que o modus operandi da Xunta é, por unha banda “subir un pouco a renda para quitala despois”.
A portavoz de Desenvolvemento Rural e Política Agraria Común do BNG incidiu en que é necesario satisfacer todas as solicitudes presentadas que cumpren cos requisitos esixidos e explicou que ante unha nova solicitude existe un período de transición e todos os produtores e produtoras que formalizaron esta solicitude o pasado ano contaban con axudas polos investimentos pero agora “perden un ano” tras solicitar as axudas no ano 21 despois de escoitar a “propaganda da Xunta”.
Aira lamentou esta situación e advertiu que a propia consellería non é consciente “da desfeita” que está a provocar nin dos déficits que se producirán nas explotacións.