BNG urxe á Xunta a colaborar co concello de Neda para resolver definitivamente os problemas do saneamento despois dos últimos vertidos na ría de Ferrol
O BNG levou ao Parlamento a situación da ría de Ferrol á altura do concello de Neda, no cal uns vertidos recentes poñen en risco o seu ecosistema e a labor do sector marisqueiro desta zona e no que, demanda a formación nacionalista, precísase unha actuación conxunta entre o concello e a Xunta, xunto con Augas de Galiza, para ofrecer unha solución.
A situación destas augas, recriminou o deputado de Ferrol, Ramón Fernández Alfonzo, segue sen resolverse despois de 26 anos de ter sido declarado o saneamento da ría de Ferrol como obra de interese xeral, “e que ultimamente ten provocado un aumento da contaminación microbiolóxica no banco marisqueiro das Pías”, sinalou.
Un recente vertido que volve levar á palestra a necesidade de saneamento das augas deste municipio, “que foi mantido á marxe das grandes infraestruturas de saneamento da ría, optando por un sistema propio", criticou o parlamentario do BNG, que no seu momento “de xeito inexplicable” contou co apoio do alcalde deste concello da área ferrolá, daquela do PP. De feito, remarcou que o saneamento de Neda “segue incompleto”, sinalou Fernández Alfonzo, e que Augas de Galiza sancionou en varias ocasións ao Concello “por verteduras ilegais”. “O saneamento das augas residuais do Concello de Neda é moi deficiente desde hai moitos anos, e a Xunta, e o Partido Popular sábeno moi ben”, declarou.
Ademais, o deputado ferrolán criticou que o Goberno do PP leve dende 2015 incumprindo a súa promesa dunha EDAR para Neda, xunto da rede colectores do municipio, “obras que nunca remataron”, despois do peche da construtora encargada de facelas en 2017 e sen que o Executivo dos Populares ofrecese aínda ningunha alternativa.
Urxe, entón, unha alternativa á actual depuradora, argumentou o parlamentario do BNG, xa que esta ten 30 anos de antigüidade, “e isto significa dúas cousas, a primeira que poden presumir de que foron o primeiro Concello da ría que depurou as súas augas residuais, e a segunda que unha estación depuradora desta idade precisa de obras de modernización e redimensionamento”.
Para o BNG a solución non pasa “porque sexa o concello quen teña que tomar unha decisión e logo interveña a Xunta”, declarou o deputado ferrolán, senón “ou ben por engancharse á infraestrutura da marxe dereita, cos concellos de Fene, Mugardos e Ares, engancharse á infraestrutura da marxe esquerda, cos concellos de Narón e Ferrol, ou, como parece defender a Xunta desde hai moitos anos, completar e modernizar a rede de saneamento e a estación municipal”, sinalou.
Polo tanto, para este obxectivo, sostivo o deputado nacionalista, é precisa a colaboración entre o goberno galego e o municipio de Neda, para o que é necesario “un informe para determinar cal é a mellor solución a futuro” para o saneamento e depuración de augas do concello, con detalle das obras e infraestruturas requeridas, cun orzamento e cunha proposta de financiación de ambas administracións”.
Algo, sinalou Fernández Alfonzo, implícito na vontade da lei de Augas de Galiza e no que a entidade Augas de Galiza pode realizar estes estudos e avaliación do estado actual das augas e como abordar a súa solución. Esta entidade, remarcou, é a titular das dúas estacións depuradoras, a do Cabo Prioriño na súa marxe esquerda e a de Punta Avarenta na súa marxe sur, o que a fai coñecedora das capacidades de ambas EDAR, os custes das obras precisas para trasladar as augas residuais, e mesmo os custes enerxéticos para realizar o bombeo até calquera das dúas, argumentou Fernández Alfonzo.
Fronte estas reclamacións, os Populares rexeitaron a abordar a problemática da depuradora, desouvindo as peticións do BNG para actuar en coordinación co concello de Neda e votando en contra desta iniciativa.