congreso

BNG urxe solucionar os continuos retrasos do servizo ferroviario na Galiza

Néstor Rego

Néstor Rego insiste na necesidade de garantir un servizo ferroviario de calidade pondo en marcha solucións inmediatas e urxentes

Reestruturación de horarios, a adecuación  dos tempos de viaxe á duración real, o incremento das frecuencias e o aumento de prazas, alén do Plan de Puntualidade: medidas que demanda o BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado levar a cabo unha contundente actuación para pór fin aos retrasos continuados nos servizos ferroviarios na Galiza. Neste sentido, a organización nacionalista explica que, ademais do Plan de puntualidade, o executivo debe contemplar a reestruturación de horarios, a adecuación dos tempos de viaxe á duración real, o incremento das frecuencias e o aumento de prazas para dar cobertura á demanda actual.

A maior parte dos servizos ferroviarios que se prestan na Galiza están a sufrir retrasos importantes de maneira diaria. Un problema para millares de usuarios que están a perder confianza no servizo pola pouca fiabilidade dos horarios xa que, sen incidencias, padecen entre 5 e 10 minutos de retrasos, como mínimo.

“Esta situación leva as persoas usuarias a cuestionar se chegarán a tempo aos seus destinos cando deciden utilizar o tren para os desprazamentos” denuncia o deputado do BNG. Nas conexións entre Santiago e A Coruña, exemplifica Rego, os atrasos habitualmente superan amplamente os vinte minutos, chegando até unha hora no Eixo Atlántico.

En opinión do deputado nacionalista, é preciso pór en marcha “solucións inmediatas e urxentes que deben contemplar a reestruturación de horarios, a adecuación dos tempos de viaxe á duración real, o incremento das frecuencias, o aumento de prazas para dar cobertura á demanda actual e a entrada en funcionamento dese plan de puntualidade anunciado, evitando así as demoras xa crónicas nos servizos ferroviarios galegos e, especialmente, no Eixo Atlántico”.

“Non podemos asumir con normalidade a continuidade da situación actual. Deben ser adoptadas todas as medidas necesarias que garantan a calidade do servizo ferroviario contribuíndo a que máis persoas empreguen este medio de transporte -máis eficiente, máis eficaz, máis sustentábel- en detrimento do vehículo privado” alega.

Plan de Puntualidade sen levar a cabo

Por estes fallos continuados que hai xa máis dun ano, despois de múltiples queixas, iniciativas políticas e reunións coas persoas afectadas, Renfe anunciou a posta en marcha dun Plan de Puntualidade, porén, os retrasos non se solucionaron. É máis, o Goberno asumiu xa que as incidencias van continuar até que entren en funcionamento os trens Avril ente A Coruña e Vigo, supostamente no primeiro trimestre de 2024. “A pesar destas xestións, o plan anunciado aínda non entrou en vigor e tampouco entraron en activo os trens Avril” sinala.