BNG urxe a reverter as concesións administrativas nos terreos da Xunqueira de Alba
Néstor Rego reclama a rexeneración e conservación de todo o conxunto deste espazo verde próximo ao núcleo urbano de Pontevedra
Reclama ao executivo estatal a reversión das concesións administrativas aínda vixentes que afectan a 171.000 metros cadrados e das que son beneficiarias distintas administracións públicas.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas exixindo ao Goberno do Estado que de por terminadas as concesións sobre os terreos da Xunqueira de Alba e crear unha gran zona verde. Insta o executivo a iniciar os contactos coas demais administracións beneficiarias e promover a recuperación ambiental de toda a marisma da Xunqueira de Alba.
Esta xunqueira é un dos espazos naturais con máis interese do Concello de Pontevedra e unha das poucas zonas húmidas pertencente ao municipio. Próxima ao núcleo urbano, a Xunqueira de Alba sitúase na confluencia do río Rons e o río Lérez, próxima á desembocadura deste último, e queda sometido á confluencia das mareas. O Concello promoveu a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e foi aprobado pola Consellería da Xunta de Galiza en 2012.
“Trátase dunha das zonas húmidas mellor preservadas nas Rías Baixas e de gran interese para as aves acuáticas migratorias constituíndo un lugar de cría, ademais de albergar outras especies de fauna e flora que deben ser protexidas” apunta o deputado do BNG no Congreso. Mais, con todo, a día de hoxe continúan existindo terreos con concesións administrativas aprobadas polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que afectan a unha superficie de 17 hectáreas, das que son beneficiarias distintas administracións públicas.
En opinión do deputado do BNG, Néstor Rego, “é preciso que as administracións públicas dean exemplo e favorezan a recuperación de espazos de dominio público marítimo terrestre”, aplicando a lexislación vixente, que estabelece que “non deben manterse as concesións para instalacións que degraden a zona costeira e que non precisen para a súa actividade da proximidade á auga, polo que poden ser trasladadas a outro emprazamento”.
Así, a formación nacionalista demanda ao executivo estatal que renuncie de maneira voluntaria e anticipada ás concesións que ostenta e emprega a propia Administración Xeral do Estado. “Hai que proceder á liberación dos terreos e destinalos á creación dunha gran zona verde con árbores e protexer a xunqueira- que o propio MITECO declara como prioritaria a súa conservación- e incluír a restauración e rehabilitación do espazo” subliña Rego.
Así mesmo, a organización nacionalista require ao Goberno que comece os contactos coas demais administracións concesionarias para negociar a finalización anticipada das mesmas, buscar localizacións alternativas e promover a rexeneración ambiental integral do espazo protexido da Xunqueira de Alba.