BNG urxe retomar o proxecto para a mellora da seguranza viaria no cruzamento de Queirís
Néstor Rego cualifica a obra como “absolutamente imprescindíbel” para a mellora da seguranza que permitiría unha maior redistribución do tráfico e abrir o espazo á circulación peonil e de bicicletas
Pura Ferreño demanda reactivar o proxecto para a construción da rotonda no cruzamento
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz do BNG no Concello de Coirós, Pura Ferreño, anunciaron o rexistro de novas iniciativas sobre as obras previstas no cruzamento de Queirís, após case catro anos paralizado o proxecto. A organización nacionalista require coñecer os motivos deste retraso e urxe o Ministerio de Transportes a retomar o proxecto para a instalación dunha rotonda de regulación do tráfico no cruzamento de Queirís, tal e como demanda o conxunto da veciñanza e as persoas usuarias da estrada.
Durante a visita de Néstor Rego ao concello de Coirós, o deputado estivo acompañado da portavoz do BNG, Pura Ferreño, do voceiro do BNG no Concello de Miño, Alberte G. Nicolás, o portavoz no Concello de Bergondo, David Carro, así como de militantes do concello de Coirós.
“O BNG leva moitos anos defendendo a necesidade de levar a cabo actuacións de mellora da seguranza viaria no cruzamento de Queirís, termo municipal de Coirós, pola elevada taxa de sinistralidade” comezou o deputado do BNG no Congreso.
O Ministerio, continuou recordando Rego, após diversas iniciativas da organización nacionalista e reclamacións da veciñanza, publicou en outubro de 2020 un proxecto de trazado denominado “De mellora da seguridade viaria no cruzamento de Queirís” no Concello de Coirós cun orzamento previsto de 600.000 euros. De facto, a este proxecto engadíronse alegacións feitas pola veciñanza.
Após un tempo onde non se estaba a executar esta obra, o BNG volveu interesarse para coñecer os motivos que levaron ao Ministerio de Transportes a non realizar esta obra e a resposta foi que “nesta zona non se estaban a producir máis accidentes do que era habitual nunha estrada destas características”.
“Ao BNG non lle parece que esta sexa unha resposta adecuada e os veciños e veciñas están realmente preocupadas porque, de non facerse esta obra, continuarase coa inseguridade viaria na zona” alerta o deputado do BNG no Congreso. De facto, lembrou Rego, recentemente houbo un accidente cun camión.
“Reclamamos ao Ministerio que se reactive o proxecto para a construción dunha rotonda, unha medida que pode mellorar a seguranza viaria redistribuíndo o tráfico e dando espazo para a circulación peonil e de bicicletas” subliña Néstor Rego.