BNG urxe retirar o amianto da praia da Barquiña en Noia
Néstor Rego demanda do executivo estatal liñas de financiamento para retirar das construcións e instalacións públicas o material canceríxeno
Reclama ao MITECO un plan de actuación acorde aos obxectivos marcados na lexislación que se está a tramitar na cámara baixa
BNG demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que adopte as medidas necesarias para a retirada inmediata das tubaxes de fibrocemento reforzadas con amianto abandonadas na praia da Barquiña en Noia. A formación nacionalista quer pór fin á situación de insalubridade e o perigo de contaminación que os residuos están a xerar e reclama ao executivo estatal liñas de financiamento para as localidades afectadas polo amianto, así como estabelecer un plan de retirada urxente nos edificios públicos de titularidade do Goberno do Estado.
“Sábese desde comezos do século XX que o amianto era canceríxeno mais, pese ao incremento dos casos detectados, no Estado español non se prohibiu a súa utilización nin a súa comercialización até 2002” lembra o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Así mesmo, destaca que no caso da localidade de Noia, comezouse a construción integral en 1995 e durante esta actuación, instaláronse na praia da Barquiña tubaxes de fibrocemento de maneira subterránea.
Na actualidade, decenas destas tubaxes aloraron e “atópanse esparexidas pola superficie do litoral, a escasa distancia das casas habitadas e mesmo sen cumprir, a día de hoxe, unha función específica”. Isto supón un risco á saúde ao que se lle suma o feito da contaminación ambiental e á degradación paisaxística da contorna. “Non pode entenderse que permanezan abandonadas as tubaxes con amianto. Resulta evidente que as administracións públicas teñen que actuar para eliminalo das construcións e edificacións de titularidade pública”.
“É urxente poñer en marcha unha estratexia específica. Un plan de retirada dos materiais con presenza de amianto. Por iso, tamén é urxente que a Dirección Xeral de Costas e Mar realice as accións necesarias para retirar as tubaxes nesta praia de Noia e pór fin á situación de grave risco para a saúde e o perigo de contaminación que está a xerar” explica Rego nas iniciativas rexistradas.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Dirección Xeral da Costa e o Mar, ten como principal obxectivo protexer o medio ambiente costeiro e mariño polo que ten competencias sobre a zona de costa e o dominio público marítimo e, en consecuencia, debe actuar e garantir a eliminación de focos de contaminación como o existente na Barquiña.
Así mesmo, o MITECO “debe prever liñas de financiamento e apoio ás administracións territoriais e aos cidadáns e cidadás afectados pola presenza de amianto para lograr a efectiva retirada de todos eses materiais potencialmente perigosos e a súa substitución por outros seguros en vivendas e construcións”.
O executivo estatal propuxo que antes de 2023 os concellos elaboren unha listaxe das instalacións e emprazamentos con amianto para que se planifique a súa retirada. Con todo, esta previsión “non é suficiente” para a formación nacionalista, non pode descargarse toda a responsabilidade do Estado para a retirada do amianto nas administracións locais e nas CCAA ou na sociedade civil sen achegar os medios económicos e materiais suficientes para iso.