BNG urxe o rescate da hostalería con axudas inmediatas e apoia un plan adicional coa participación das 3 administracións
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un novo encontro coas principais asociacións de hostalería e co cluster do turismo tras o que reclamou a posta en marcha dun plan de rescate urxente do sector, como medida inmediata, ao tempo que trasladou o apoio do BNG a un plan adicional de axudas coa participación das tres administracións, Xunta, concellos e deputacións.
“Un plan coordinado e negociado con concellos e deputacións no que cada unha das tres administracións aporte o mesmo esforzo orzamentario. Desde o BNG dicimos que este segundo plan de axudas tamén é posible con esas premisas: coordinación, negociación e idéntico esforzo presupostario. Toda a colaboración do BNG para botar unha man a favor da xente que o está pasando mal”, explicou a líder nacionalista.
E, no inmediato, un plan de rescate urxente para a hostalería, comercio e turismo que debe ter por obxecto compensar até o 70% da perda de ingresos mensuais, compensación aplicable todo o tempo que duren as limitacións á actividade no sector.
“Feixóo non lle pode dicir a un sector que xera miles de empregos que non pode traballar, cun peche encuberto, sen poñer axudas encima da mesa. E esas axudas teñen que ser inmediatas e tramitadas coa máxima axilidade”, recalcou Pontón, quen indicou que as axudas deben ser compatibles coas que se acheguen desde outras administracións.
Igualmente, o BNG solicita ampliar os prazos de carencia dos créditos tanto os da Xunta como os do ICO, porque a caída de ingresos dificulta, cando non directamente impide, facer fronte a este tipo de custes.
“Hai que ter en o Goberno galego non deu ningunha axuda directa até novembro, cando xa o sector levaba aguantando meses de pandemia, pese a que as facturas de luz, auga, aluguer e demais seguían acumulándose. Por contra outros territorios, a esa altura, xa ían pola segundo plan de rescate”, subliñou.
“Até agora a Xunta actuou tarde e de xeito insuficiente, como proba o feito de que as protestas continúan por todo o país. É imprescindíbel darlle un apoio decidido ao sector, sobre todo tendo en conta que o Goberno galego vai ter máis recursos que nunca a través duns orzamentos expansivos e eses recursos deben chegar ao sectores económicos e aos traballadores de traballadoras, autónomos e autónomas que peor o está pasando”, concluíu