BNG urxe a rectificación do MITMA pola supresión de paradas na Galiza nos autobuses de competencia estatal
Rego denuncia a proposta do Goberno de deixar sen un servizo tan fundamental a 23 concellos da Galiza o que afectaría a máis de 130.000 galegas e galegos
Demanda incluír criterios que vaian máis alá dos puramente economicistas para asegurar servizos públicos aos habitantes de todas as localidades e non aumentar máis a fenda entre zonas urbanas e rurais.
A finais de maio, o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana presentou o novo mapa concesional das liñas de autobuses de competencia estatal alegando que o actual non reflicte a realidade. Segundo os datos aportados incrementouse a demanda en contornas urbanas frente ás zonas rurais que experimentaron unha redución por caída demográfica. Así mesmo, o MITMA engadiu razóns económicas e a necesidade de facer roteiros máis rendíbeis.
“No novo mapa presentado desaparecerían as paradas de 23 poboacións na Galiza con percorridos interautonómicos” denuncia o deputado do BNG. Entre os concellos afectados atopamos A Pontenova, Meira, Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Palas de Rei, Monterroso, Chantada, Quiroga, Allariz, Ribadavia, Trasmiras, Riós, A Mezquita, Silleda, Lalín, Forcarei, O Porriño, Tui, Arzúa e Melide. “Estes recortes afectarían a unha poboación que se aproxima a 136.000 persoas” subliña Rego mentres apunta a que o novo plan só inclúe unha nova parada, en Sanxenxo, mais só para a súa conexión con Madrid.
Ademais, segundo lembrou o deputado nacionalista, á eliminación de paradas de autobuses súmase, nalgunhas zonas, aos recortes de servizos ferroviarios ou ao feito de non contar con servizos de tren. “De levarse a cabo, fraco favor fará o Ministerio ás áreas que máis sofren o despoboamento ao minguarlle os servizos en mobilidade. Sería desexábel que o Ministerio reformulase estas formulacións e priorizase o mantemento de servizos de mobilidade como servizos públicos esenciais” destaca.
“Queremos coñecer a disposición do Goberno para dar marcha atrás no propósito de recortar as paradas de liñas de autobuses interautonómicos de competencia estatal” enfatiza. Así mesmo, a organización nacionalista entede que este tipo de políticas van na dirección contraria de garantir o dereito de cidadáns de vilas rurais ou de menor poboación a acceder á mobilidade. “Non se poden rexer puramente por criterios economicistas para decidir a supresión de paradas de autobús senón que debe primar o ben común e asegurar servizos públicos aos habitantes” asevera.
O BNG entende que o MITMA debe retirar a proposta e o recorte exposto no Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostíbel para os servizos de liñas de autobuses na Galiza, “contribuíndo así á cohesión social e territorial, de forma que non se aumente a fenda entre as zonas urbanas e as áreas máis rurais ou de menor poboación”.
Paralelamente, o deputado nacionalista entende que non se trata dunha decisión adecuada xa que, ademais dos argumentos expostos, cabe destacar que a eliminación das paradas de autobuses promovería o uso dos vehículos privados por estrada. “No ámbito social e político na Galiza está habendo queixas xa pola nova formulación proposta polo Ministerio, queremos coñecer a disposición que ten o Gobern para escoitar as demandas da veciñanza” destaca.
Rego lembrou, ademais, que no pasado mes de abril a organización soberanista dirixiuse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para interesarse polo Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostíbel. “Poñiamos de relevo a contradición do Ministerio que, por un lado, no plano teórico, establecía a mobilidade como un dereito e un elemento que contribúe ao Estado do Benestar, pero na súa formulación práctica a norma propón a eliminación de servizos de transporte colectivo, neste caso as liñas de autobús” destaca o deputado do BNG.