BNG urxe a recoñecer a xubilación anticipada e parcial do persoal sanitario
Néstor Rego demanda ao Goberno cumprir co recollido na Lei de medidas en materia de Seguridade Social e contemplar as necesidades específicas en materia de xubilación do persoal da sanidade pública.
A frente nacionalista reclama un sistema sanitario público forte que garanta condicións laborais dignas e preste unha atención adecuada ao conxunto da poboación.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado, nun prazo non superior a seis meses, presente un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial dos empregados públicos, recollendo a realidade específica do persoal estatutario e funcionario dos Servizos de Saúde e as súas singularidades. A organización nacionalista reclama que, presentado o estudo, leve a cabo as medidas normativas necesarias para garantir o dereito do persoal estatutario dos servizos de saúde á xubilación anticipada e parcial.
A crise sanitaria da COVI-19 puxo de manifesto a importancia de contar cun sistema sanitario público forte, mais tamén puxo de relevo as súas carencias, especialmente as relacionadas coa precariedade e a temporalidade laboral. Con todo, a pandemia non foi a causa, só veu agravar a situación. “Foron os recortes e a restrición de gasto recomendadas como principal receita para superar a crise económica a que puxo en xaque á sanidade, momento en que as distintas administracións públicas con competencias nesta materia reduciron os orzamentos sanitarios, o investimento en equipos e mantemento e, sobre todo, recortaron persoal, mentres empeoraban as condicións laborais, con contratos menos estables e salarios máis baixos” explica o deputado nacionalista.
“Para corrixir a situación e dotarnos dun sistema sanitario público forte é imprescindíbel incrementar o gasto sanitario, así como avanzar na mellora das condicións laborais do persoal sanitario, para o que resulta imprescindible, lembramos, que se elimine a taxa de reposición, demanda que foi incorporada e ratificada polo Congreso no Ditame para a Reconstrución Social e Económica” lembra Rego. Por este motivo, o deputado do BNG entende que é necesario abordar tamén os dereitos relativos á xubilación anticipada e parcial, no camiño de recuperación e avance de dereitos do persoal sanitario.
Na iniciativa rexistrada pola organización nacionalista, demandan ao Goberno que, conforme ao estabelecido na Lei en materia de Seguranza Social, presente un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial dos empregados públicos, recollendo a realidade específica do persoal estatutario e funcionario dos Servizos de Saúde, tomando en consideración as súas singularidades, nun prazo máximo de seis meses. Así mesmo, presentado o estudo, “terá que levar a cabo as medidas normativas necesarias para garantir, o máis axiña posible, o dereito do persoal estatutario dos servizos de saúde á xubilación anticipada e parcial”.
Cabe lembrar que nesta Lei de Seguranza Social, na súa disposición adicional sétima estabelece que, “no prazo dun ano, o Goberno presentará un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial dos empregados públicos, así como do persoal das Forzas Armadas e ao servizo da Administración de Xustiza, que aborde a aplicación da normativa reguladora de tales modalidades de xubilación, as condicións en que esta aplicación non xere problemas de sustentabilidade aos sistemas de protección social e a homoxeneización, en termos equiparables, dos diferentes réximes. No devandito estudo contemplarase a realidade específica dos diferentes colectivos afectados, incluída a do persoal ao que lle é de aplicación a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, tomando en consideración as singularidades que rodean ao mesmo, desde unha perspectiva acorde coas prioridades e garantías que se sinalan no parágrafo anterior”.
“A pesar de transcorrer case 15 anos desde a aprobación desta Lei, o persoal estatutario, así como o resto das empregadas e empregados públicos, seguen sen ter garantido o acceso á xubilación anticipada e parcial, véndose frustradas desta forma as expectativas dese dereito de multitude de persoas que, por razón da súa idade e o tempo cotizado, poidan aspirar a acollerse a estas modalidades de xubilación” denuncia o deputado nacionalista.
De facto, os propios plans de ordenación de recursos humanos que publica a propia Administración recollen problemas como os dunha pirámide profesional envellecida, o que incrementa o número de incapacidades temporais. Tamén a imposibilidade de efectivizar os acordos sindicais relativos a que o persoal facultativo deixe de facer gardas ao cumprir 55 anos, a imposibilidade de non traballar en horario nocturno a partir desa idade do resto do persoal, entre outros casos.
“Estas circunstancias recomendan introducir, no ámbito sanitario, a xubilación anticipada ou parcial que permitiría, cando a persoa en cuestión o considere necesario polas súas circunstancias persoais, chegada a idade de xubilación anticipada e contando co tempo cotizado que esixa a normativa, poder acollerse á xubilación voluntaria e anticipada, facilitando con iso a renovación do persoal e a substitución xeracional” destaca Rego, “e ademais esta modalidade de xubilación debe regularse sen penalizacións”.