BNG urxe un Plan de Reactivación Económica integral para Ferrolterra
Néstor Rego defende a derrogación das reformas laborais para recuperar os dereitos dos e das traballadoras.
A formación nacionalista reivindica “traballo digno na nosa terra” fronte o abandono de Ferrol por parte da Xunta de Galiza e o Goberno do Estado.
Ante a situación de abandono da comarca de Ferrol por parte do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza, as organizacións sindicais convocaron no día de hoxe marchas contra o desmantelamento industrial da comarca, o fechamento de empresas e a perda de postos de traballo. A formación política do BNG participou das marchas contando coa presenza do deputado no Congreso, Néstor Rego, o deputado no Parlamento de Galiza, Ramón Fernánde, portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, diversos cargos orgáni os e municipais, así como a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo.
“Ferrol precisa con urxencia dun Plan de Reactivación Económica e sa atención por parte das administracións frente ao abandono actual tanto por parte do Goberno central como pola Xunta de Galiza” reivindica o deputado no Congreso. "Estas institucións" declara Rego, “están deixando esmorecer unha comarca enteira e supón a perda de millares de postos de traballo e feches de empresas. Parece que non teñen interese en que o noso País teña actividade económica e se poida garantir que os galegos e galegas poidamos vivir na nosa terra e do noso traballo”.
De facto, o BNG vén defendendo dentro das institucións iniciativas a implantación “dun Plan de Reactivación Económica integral para Ferrol. En primeiro lugar, unha política industrial centrada en converter Navantia nun complexo industrial integral, que diversifique a actividade e incorpore a construción naval civil”.
Así mesmo, no que ten haber co ámbito enerxético, o deputado do Congreso defende que se garanta unha transición xusta frente a unha actuación como o feche da central de Endesa na Pontes sen alternativas. Por outra banda, Rego reclama a rexeneración da ría de Ferrol pola súa “enorme potencialidade”, que permitiría diversificar a actividade económica e poder dar máis postos de traballo á comarca.
En materia de infraestruturas, Rego lembra que o BNG presentou tanto emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza como os Orzamentos Xerais do Estado reclamando unha maior inversión na comarca e a mellora das comunicacións. Por último, o deputado nacionalista chama a derrogar as lesivas reformas laborais aprobadas por PSOE e PP e lembra á Ministra de Traballo que leva ano e medio “incumprindo os compromisos asinados para poder recuperar dereitos” para todas e todos os traballadores.