BNG urxe o MITMA a mellorar a seguranza viaria na N-640
Néstor Rego visita o Concello da Pontenova e comprométese a rexistrar iniciativas que rematen coa perigosidade da estrada ao seu paso pola localidade
Substitución de sinais, pasos elevados e mesmo a colocación de semáforos ámbar redutores de velocidade: algunhas das propostas que defende o BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia durante a súa visita A Pontenova o rexistro de iniciativas na cámara baixa para mellorar a seguranza viaria na N-640 ao seu paso polo concello. A organización nacionalista considera necesario realizar as obras e melloras precisas para reducir o número de accidentes habituais nesta estrada, considerada a segunda máis perigosa da Galiza que atravesa o casco urbano da Pontenova e serve de principal comunicación coa capital luguesa.
Na visita ao concello lugués, Rego estivo acompañado do deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, e o responsábel comarcal da organización nacionalista na Mariña, Antonio Veiga. Mantiveron unha reunión coa asociación de comerciantes da Pontenova para escoitar as súas demandas e trasladar unha batería de medidas ante o estado actual da estrada e tamén para falar das medidas que defende o BNG ante a suba descontrolada dos prezos.
A estrada N-640 figura nas estatísticas negras de tráfico e considérase un dos tramos máis perigosos da Galiza. Na clasificación realizada pola Asociación Europea de Automobilistas, unha organización sen ánimo de lucro, independente, aparece no número 52 das estradas máis perigosas do Estado español.
“Na Galiza, este tramo da N-640 só é superado por outro da N-120 en Pontevedra, na Cañiza, que aparece no número 30 do total do Estado” explica o deputado do BNG. Así mesmo, cabe destacar que é o único tramo de Lugo que está entre os máis perigosos da Galiza. De facto, o punto quilométrico “onde se rexistran máis accidentes e por tanto o de maior risco é o 37, que se localiza no centro urbano de Meira”. Neste lugar, segundo a información solicitada pola Asociación Europea de Automobilistas houbo entre 2011 e 2015 un total de seis accidentes con oito vítimas en total.
A organización nacionalista xa rexistrou iniciativas a nivel municipal no Concello da Pontenova para reducir a velocidade no casco urbano. Esta moción contou co apoio unánime do consistorio a finais do mes de abril e contemplaba diversas medidas como a “substitución de sinais, pasos elevados e mesmo a colocación de semáforos ámbar redutores de velocidade”. Unha demanda apoiada polo conxunto da veciñanza, empresas e comerciantes da zona que ven necesaria a mellora da seguridade vial nesta estrada.
“O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana é o encargado de realizar todas as obras para adecuar a estrada e mellorala” indica o deputado nacionalista facendo referencia á titularidade da N-640, polo que é urxente que poña os medios precisos para eliminar os factores que inciden na maior perigosidade da estrada e mellorar a seguranza viaria, a comezar polos tramos que atravesan núcleos de poboación.