BNG urxe o Ministerio de Transportes a reparación e mellora da seguranza viaria na N-VI
A sentenza da Audiencia Nacional que condena o Ministerio de Fomento por un accidente na nacional, dependente do Goberno do Estado, reafirma a reivindicación histórica da frente nacionalista de manter a infraestrutura en condicións óptimas e seguras
Néstor Rego avanza o rexistro de novas iniciativas para que o executivo estatal realice, con carácter urxente, unha actuación integral na estrada ao seu paso pola comarca das Mariñas
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro de novas iniciativas para que o Goberno do Estado, en concreto o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, realice todas as actuacións necesarias para mellorar a seguranza viaria na N-VI. Após coñecer a sentenza da Audiencia Nacional que condena o Ministerio de Fomento pola falta de mantemento da infraestrutura, a frente nacionalista reitera a necesidade de acometer obras para eliminar os diferentes puntos negros que poñen en perigo a centenares de persoas usuarias da estrada a diario.
A Audiencia Nacional ven de ditar sentenza na que condena o Ministerio de Fomento, actual Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, por un accidente ocorrido en xullo de 2018 na N-VI nas Angustias, Concello de Betanzos, en que resultaron feridas dúas persoas. O órgano xudicial sinala a falta de mantemento adecuado da infraestrutura como causa do sinistro.
Para a organización nacionalista, esta sentenza ven a dar a razón tanto ao BNG como aos veciños e veciñas sobre a urxente necesidade de mellorar a infraestrutura e garantir a seguridade viaria. “Trátase dunha reivindicación histórica do BNG na comarca das Mariñas” afirma o deputado Néstor Rego, “a Administración estatal, que ten a titularidade desta infraestrutura, está obrigada a manter as vías abertas á circulación en condicións que garantan a seguranza das persoas que queiran empregala, tal e como se recolle nesta nova resolución xudicial” afirma o deputado do BNG.
Ademais do núcleo das Angustias, existen máis puntos negros na N-VI ao seu paso pola comarca das Mariñas nos termos municipais de Coirós, Bergondo, Aranga e Betanzos. De facto, o deputado do BNG no Congreso lembra que a organización nacionalista rexistrou diversas iniciativas na cámara baixa ao respecto, mesmo con emendas aos proxectos de Orzamentos debatidos e votados co obxectivo de aportar partidas específicas suficientes para unha actuación integral.
“Débese actuar nas Angustias, no Concello de Betanzos, e ao paso da N-VI pola Castellana no municipio de Aranga. Tamén na zona urbana onde sería de especial relevancia levar a cabo un estudo para a mellora da seguranza dos peóns” sinala a voceira do BNG no Concello de Betanzos, Amelia Sánchez. Por outra banda, segundo explica a portavoz da frente nacionalista no Concello de Coirós, Pura Ferreño, é “necesario actuar no cruzamento de Queirís, unha promesa dos diferentes gobernos estatais mais que nunca chega a executarse”.
Así mesmo, o candidato do BNG á alcaldía de Bergondo reclama a construción dunha pasarela peonil no Espírito Santo –frente a Escola de Capacitación Agrícola- para atravesar de maneira segura a vía. “Esta infraestrutura é moi demandada pola veciñanza, sobre todo por parte do estudantado” incide Carro, que tamén sinala a necesidade de eliminar o punto conflitivo na rotonda en Cortiñán.