BNG urxe a mellora do Tren Celta, única conexión ferroviaria na actualidade entre Vigo-Porto
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, propón que se invista na mellora do Tren Celta, a única conexión ferroviaria que cubre actualmente o traxecto entre Vigo e Porto, dado o enorme retraso que leva a saída sur e a modernización ferroviaria entre as dúas cidades.
Hai que apostar tamén polo tren convencional, non é excluínte
Rego salienta as deficiencias desta liña de tren, os dilatados tempos de viaxe e os retrasos e cancelacións de servizos, apelando ao Ministerio a manter unha fluída interlocución con Portugal para avanzar nas necesarias melloras nesta liña. Pregunta ao Ministerio se conta cun Plan comercial acordado con Comboios para atraer usuarios.
Lembra Rego que o Tren Celta é un servizo ferroviario que prestan as dúas operadoras de tren, Comboios de Portugal e Renfe desde xullo de 2013 para a conexión entre Vigo e Porto, sen paradas intermedias e con dúas frecuencias ao día nos dous sentidos. Despois das demandas de alcaldes portugueses, en xullo de 2014, incluíronse paradas en Braga-Nínive, Viana do Castelo e Valença de Miño.
Malia a eliminación de paradas, esta conexión tarda 2 horas e 22 minutos en completarse. “Fixéronse actuacións de electrificación e de instalación de sinais electrónicas, mais o feito de que sexa unha liña antiga de vía única non permite tecnicamente altas velocidades”, indica o deputado do BNG quen insta ao Ministerio a tratar de avanzar con Portugal na homologación das características na liña.
Os tempos de viaxe non son competitivos, mais coas ofertas lanzadas por ambas operadoras en xaneiro con billetes a 5,25 euros, demostrouse que se incrementa a demanda de viaxeiros. “Cando se ofrecen servizos atractivos desde un punto de vista económico, a xente colle o tren. De feito, esta conexión alcanzou un récord de viaxeiros no 2022 con cifras históricas de 116.100 pasaxeiros”. O BNG defende que se aposte polo tren convencional, “non é excluínte de facer liñas de altas prestacións. Deben convivir as dúas liñas”.
Néstor Rego pon de manifesto que o aumento de viaxeiros nesta liña de tren convencional debe levar a facer varias reflexións en torno á necesidade de mellorar o ferrocarril convencional que, combinado cunha boa política tarifaria, de prezos baixos, leva a un incremento de usuarios de tren.