BNG urxe o MAPA a activar fondos de emerxencias para o sector agrogandeiro galego após os temporais
O impacto da borrasca `Kirk´ centra as últimas iniciativas da organización nacionalista para que o Goberno do Estado axude o sector e palíe as perdas causadas
Carme da Silva sinala que a pataca da comarca da Limia “é unha produción estratéxica” e o Ministerio “debe interesarse polas perdas económicas que sufrirá o sector”
A senadora do BNG demanda a implicación do MAPA ante a afectación de colleitas de millo forraxeiro en comarcas de Lugo e Coruña, fundamentais para moitas explotacións durante o período de inverno
O BNG rexistra iniciativas nas Cortes do Estado ante a grave afectación que supuxeron os últimos temporais para o sector agrogandeiro galego para que o Goberno do Estado, e no concreto o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, aproben axudas extraordinarias. A senadora do BNG, Carme da Silva, solicita a implicación do Ministerio e o Goberno para activar fondos de emerxencia que permitan paliar as perdas causadas polo temporal nas colleitas, sobre todo do sector da pataca na comarca da Limia, e na produción de millo forraxeiro, en comarcas de Lugo e da Coruña.
A borrasca `Kirk´ provocou unha crise no sector agrogandeiro galego, especialmente en relación á recollida da pataca e do millo forraxeiro, cun impacto devastador que afecta tanto á economía rural como ao tecido social e produtivo do país. Os terreos anegados pola auga non permiten a entrada de maquinaria e, polo tanto, non se pode levar a cabo a recollida das colleitas.
“O Ministerio ten que aprobar axudas extraordinarias para o sector agrogandeiro galego afectado polo impacto da borrasca e activar fondos de emerxencia para paliar as perdas causadas polo temporal nas colleitas, alén dos seguros agrarios” sinala a senadora do BNG que lembra o requirimento desta semana do deputado nacionalista, Néstor Rego, ao Ministro Planas durante a súa comparecencia no Congreso. Estamos a falar, continúa da Silva, dunha situación de emerxencia “que debe facer que todas as administracións competentes tomen medidas de inmediato para apoiar os agricultores e gandeiros afectados”.
A produción de pataca da Limia
No caso concreto da comarca da Limia, sinala a senadora do BNG, son centos os agricultores e agricultoras os que sementaron pataca e está en risco de quedar nos campos. “Pérdese non só o traballo de todo un ano, senón tamén ingresos vitais para a subsistencia dos agricultores e a estabilidade do sector” evidencia.
“A pataca da comarca da Limia é unha produción estratéxica e o Ministerio debe interesarse pola difícil situación de perdas económicas que vai sufrir o sector da pataca” demanda Carme da Silva ao Goberno.
Millo forraxeiro para o inverno
Estas perdas de colleita tamén se estenden á produción de millo forraxeiro, especialmente en comarcas lucenses e coruñesas, creando unha “situación preocupante porque as condicións meteorolóxicas extremas están causando danos significativos”. As colleitas, que xogan un papel esencial na alimentación do gando en época invernal, non se están a poder recoller o que compromete a sustentabilidade das explotacións gandeiras.
“A perda de toneladas de millo supón, ademais, un incremento dos custos de alimentación para os gandeiros, que xa de por si están soportando prezos elevados e un aumento nos custos de produción” enfatiza a senadora do BNG.