BNG urxe a limpeza efectiva das vías ferroviarias e estradas para a prevención dos lumes forestais na Galiza
O deputado do BNG exixe ao Ministerio de Transportes que cumpra os plans de prevención e compense os gastos e perdas polos lumes orixinados pola ausencia de mantemento nas infraestruturas de titularidade estatal
Néstor Rego recrimina o “modelo esgotado” da Xunta de Galiza para a loita contra os lumes e aposta por unha maior prevención durante os meses non estivais
O BNG vén de rexistrar no Congreso, da man do seu deputado, Néstor Rego, iniciativas para que o Goberno do Estado e, en especial, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cumpran os plans de prevención de incendios e garantir a limpeza das vías de ferrocarril e ao redor das estradas para que queden libres de maleza. A formación nacionalista quere que se manteñan as medidas de seguranza viaria e evitar a propagación dos lumes. Así mesmo, demanda compensar os gastos e perdas materiais polos lumes que fosen orixinados pola falta de mantemento das marxes destas infraestruturas.
O verán galego de 2021 estivo caracterizado polas baixas temperaturas e a pluviosidade polo que o número de lumes foi máis reducido que en anos anteriores, afectando a unha menor superficie. O lume declarado en Sobradelo foi un dos que maior extensión alcanzou, con preto de 200 hectáreas arrasadas, que supuxo un custo polos traballos de extinción de máis de 326.000€, mais que se podía ter evitado cunha adecuada política preventiva de limpeza.
“O BNG considera que os traballos de prevención son determinantes para minimizar os seus efectos” explica o deputado do BNG. Por iso, reclama ao Goberno do Estado que cumpra coa súa obriga de manter limpas as infraestruturas da súa titularidade, a comezar polas liñas de ferrocarril e as franxas ao redor das estradas. “Son medidas de prevención para evitar a propagación dos lumes mais tamén medidas adecuadas de seguranza viaria” destaca Rego.
Mais o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está a realizar a limpeza moi tarde, “de maneira lenta e parcial ou directamente non se fai, o cal supón un grave risco para a propagación dos lumes”. En moitos casos, a maleza invade as beiravías e dificulta a visión e mesmo só se realizan os traballos de limpeza a 2 metros da marxes. Así mesmo, aplícase en moitos casos glisofato, produto que mata de raíz toda a vexetación e con gran poder contaminante que remata nos leitos de auga.
“ADIF presentou un plan de prevención de incendios para 2021-2022 mais no lume de Sobradelos, onde as causas que provocaron o a destrución de 200 hectáreas foi unha faísca da catenaria ao seu paso por ese lugar que prendeu na broza seca que rodea a vía, constátase que non existe un compromiso real por parte do Ministerio” enfatiza Rego.
Máis alá disto, a formación nacionalista tamén reclama ao executivo estatal que inicie as xestións para compensar os gastos e perdas materiais ocasionadas, tanto a entidades públicas como privadas e particulares, polos lumes que se demostre que foron orixinados pola falta dun adecuado mantemento das marxes das liñas ferroviarias ou nas estradas.
Modelo esgotado para a loita contra os lumes
“Constátase un ano máis que o modelo da Xunta de Galiza non mudou e continúa a basearse na confianza climatolóxica con única labor para a prevención dos lumes. O PP segue a combinar a súa pasividade durante os meses de outono e inverno e a macromobilización de efectivos durante a temporada de lumes” salienta Rego. Sinala tamén a pouca efectividade desta táctica e a ausencia de políticas preventivas como a limpeza dos montes para erradicar o impacto dos lumes.
En opinión do deputado nacionalista, débese lograr unha masa forestal produtiva que “promova a diversificación de especies, primando especies autóctonas de folla caduca, non pirófitas, que axudarían a evitar a extensión dos incendios”. Mais isto ten que ir acompañado polos labores de limpeza, eliminando o exceso de biomasa acumulada que coas altas temperaturas do verán convértese no caldo de cultivo perfecto, servindo de alimento ás chamas no seu avance.