BNG urxe a investigar a situación da planta regasificadora de AUCOSA en Redondela
A instalación está localizada na zona de protección do tramo da vía férrea entre Redondela-Vigo Guixar e non contaría coas autorizacións necesarias para operar
Néstor Rego alerta do perigo de manter a planta de regasificación na localización actual e reclama ao Goberno do Estado que actúe
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado leve a cabo as actuacións necesarias para retirar a planta satélite de Gas Natural Licuado e de Regasificación na zona de servidume do tramo da vía férrea Redondela-Vigo-Guixar. A formación nacionalista considera urxente retirar a planta polo risco de accidente para executar o proxecto de modernización da rede ferroviaria.
En abril de 202 ADIF publicou no BOE o anuncio en que sometía información pública a declaración de necesidade de ocupación para a renovación integral do tramo entre a Estación de Redondela e a de Vigo-Guixar. Esta obra ten como obxectivo renovar a infraestrutura viaria, modernizándoa, tal e como se recollía no acordo de investidura entre BNG e PSOE, e dotándoa dunha maior capacidade de tránsito ferroviario.
Porén, coa exposición pública do proxecto, a veciñanza de Redondela puxo de manifesto o perigo que supón a existencia dunha Planta Satélite de Almacenamento e Regasificación de Gas Natural Licuado, construída moi próxima á vía, na zona de servidume da liña férrea. Neste sentido, a formación nacionalista quere saber se o Goberno do Estado autorizou esa construción e se ten constancia dalgunha solicitude para a instalación desta planta por parte da empresa. “De non tela, o Ministerio terá que actuar e reclamar a reposición da zona de servidume ao seu estado anterior” explica o deputado nacionalista.
Segundo a información á que a veciñanza tivo acceso a empresa AUCOSA construíu esta planta de regasificación sen contar co preceptivo título expedido polo Concello de Redondela, que permitiría unha ampliación das instalacións pero non especificamente este tipo de infraestrutura. “A localización desta instalación non estaría permitida polo PXOM, ademais de situarse na zona de protección da Liña Redondela-Vigo-Guixar” subliña Rego.
En definitiva, a organización nacionalista reclama esclarecer a situación actual da instalación en zona de servidume do tramo de vía férrea. “O Goberno do Estado poderá levar a cabo o proxecto de modernización da infraestrutura en canto resolva a existencia deste punto de alta perigosidade para o tránsito ferroviario debido ao risco de accidente en instalacións privadas localizadas sobre a zona de servidume para a almacenaxe e transformación de GNL, substancia clasificada como perigosa” conclúe Néstor Rego.