BNG urxe unha investigación independente ante o colapso da presa de Valencia do Sil
Rego leva ao Congreso a falta de prevención, mantemento e control das presas na conca do Miño-Sil por parte da empresa concesionaria
Reclama que se investigue e, de demostrarse neglixencia, se impoñan sancións á empresa polo rebentón que parece foi causado por deficiencias na estrutura que podían terse detectado
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa despois do colapso da presa de Santiago- Valencia do Sil- e reclama sancións á empresa polo rebentón da comporta central. A organización nacionalista denuncia as deficiencias técnicas e danos estruturais causadas pola falta de mantemento e a neglixencia por parte da empresa concesionaria.
Na tarde do martes produciuse o colapso da comporta central da presa que a empresa Iberdrola xestiona á altura da localidade de Valencia do Sil, na localidade ourensá de Vilamartín de Valdeorras. Unha presa con pouca capacidade- 12 hm³- que nin sequera estaba chea debido á seca deste inverno. Estas circunstancias permitiron non lamentar grandes perdas posto que o propio río absorbeu o caudal de auga liberada e mesmo non había persoas na contorna do lugar que puidese verse afectada directamente.
“A pesar das boas noticias, entendemos que é preceptivo que, máis aló da investigación interna que de oficio leve a propias empresa, as institucións públicas con competencias realicen tamén unha investigación independente para analizar se se estaban levando a cabo de maneira correcta os labores pertinentes de mantemento” explica o deputado nacionalista. Rego demanda medidas de control por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para comprobar o estado e mantemento das instalacións hidroeléctricas.
Así mesmo, a organización nacionalista quere coñecer se se levantou algunha acta sobre deficiencias técnicas ou danos estruturais que deban corrixirse nesta ou noutras presas situadas na conca Miño-Sil e demandan unha copia da mesma. “Resulta evidente que se produciu un feito grave e por tanto as medidas preventivas e de control en vigor manifestáronse claramente insuficientes e por tanto han de ser modificadas” denuncia o deputado nacionalista.
“Iberdrola acaba de anunciar un récord histórico de ganancias para a empresa en 2021 de 3.885 millóns de € de beneficio neto - 8% máis que o ano pasado- que supera un dato histórico para a empresa” lembra Rego. Ao mesmo tempo que presentan estes datos a empresa acaba de fechar o Centro de Operacións de Control (COC) que estaba situado na Rúa rompendo cunha boa parte do xa de seu escaso retorno en postos de traballo cualificados e valor engadido que a empresa daba á comarca a cambio de facerse cos seus recursos naturais.
En opinión da formación nacionalista, que traslada ao Goberno do Estado, a xestión debería ser “máis próxima, máis eficaz e eficiente para o control adecuado desta e outras presas da conca, para o que sería necesario que a xestión da mesma realizásese desde Galiza”.
Por último, o deputado do BNG quere coñece se se detectaron con anterioridade problemas que fixesen pensar na posibilidade de que tivese lugar un feito como este. Demanda as medidas preventivas que tiña a empresa “tendo en conta que non é obrigatorio que conten cun plan de emerxencias e que impacto tivo este feito sobre o río Sil e sobre a fauna que nel habita e aniña”.