BNG urxe impulsar o proxecto de modernización da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galiza e Portugal
Néstor Rego sinala que a vindeira cimeira hispano-lusa é o mellor momento para coordinar co goberno portugués a programación da execución dos distintos tramos
Require coñecer as previsións do Goberno do Estado sobre a saída sur de Vigo e o horizonte temporal que manexa para iniciar as obras
O BNG vén de rexistrar novas iniciativas a respecto dos compromisos adquiridos polo Goberno do Estado en relación ao proxecto para a saída sur de Vigo e a modernización da conexión ferroviaria de alta velocidade entre a Galiza e Portugal. O deputado nacionalista motiva as iniciativas ante a vindeira cimeira entre os gobernos luso e español e ve este evento como unha oportunidade para estabelecer que esta infraestrutura ferroviaria sexa unha das prioridades. Así mesmo, Néstor Rego urxe impulsar o proxecto e solicita o prazo temporal que ten previsto o Goberno para a construción da conexión con Portugal e un cronograma de actuacións.
A próxima cimeira entre o Goberno do Estado español e o Goberno de Portugal decorrerá no vindeiro 23 de outubro e a organización nacionalista entende esta reunión como unha oportunidade para introducir na axenda o impulso do proxecto de modernización ferroviaria de alta velocidade que debe conectar a Galiza co país veciño. Esta, explica o deputado nacionalista, non é só unha reivindicación do BNG senón que vén acompañada polo ámbito económico, industrial e socio-cultural na urxencia de conectar “de forma áxil, moderna e sustentábel o arco Atlántico e o conxunto da Galiza con Portugal”.
“As declaracións dos distintos responsábeis de infraestruturas lusos, tanto do anterior goberno como do actual, avalan a importancia que lle damos tamén no BNG e mostran as prioridades do Goberno de Portugal” evidencia Néstor Rego. Pola contra, o Goberno español mantivo sempre unha posición fraca ao respecto e tan só comezou a avanzar o proxecto cando o BNG o introduciu no Acordo de Investidura. “O Goberno comprometeuse a impulsar as actuacións do Corredor Atlántico e no Eixo Atlántico, acelerando os traballos no tramo de conexión entre Vigo e a Fronteira Portuguesa” recorda.
Neste sentido, o BNG reclama que se incorpore a axilización desta infraestrutura na axenda de actuacións prioritarias do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel, o que permitirá dar cumprimento aos Acordos de Investidura asinados co BNG. E, para que o proxecto saia adiante o máis pronto posíbel, Rego incide na necesidade de levalo entre as prioridades do executivo na cimeira, estabelecendo unha coordinación para a programación de execución dos distintos tramos da infraestrutura.
No relativo á planificación da saída sur de Vigo, a organización nacionalista sinala que os trámites van con demora, polo que reclama, máis unha vez, ao Ministerio de Transportes “axilizar e priorizar a modernización da liña Vigo-Porto, a comezar pola execución da saída sur de Vigo canto antes”. Solicita, ademais, coñecer o prazo temporal que manexa o Goberno español para a construción desta infraestrutura, o calendario que manexa e un cronograma coas diferentes actuacións que realizará.