BNG urxe o Goberno a rectificar a decisión de derivar ás mutuas os tratamentos e probas sanitarias de persoas en situación de baixa
“O Goberno debe dar marcha atrás nesta medida que privatiza as baixas de orixe traumática e reforzar o sistema sanitario público” reclama Néstor Rego
A decisión -acordada por Goberno, patronal, CCOO e UXT- empeorará a cobertura das traballadoras e traballadores e renuncia a actuar sobre as causas, limitándose só ás consecuencias
Ante o acordo de Goberno, Patronal e sindicatos estatais para trasladar ás mutuas os tratamentos e probas diagnósticas ás persoas en situación de incapacidade temporal por continxencias comúns de orixe traumatolóxica, o deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra iniciativas para reclamar ao Goberno rectificar esta decisión por entender que aumenta as derivacións cara a sanidade privada no canto de incrementar os recursos para a sanidade pública e, mesmo, que este sistema permitirá que as mutuas interveñan para acelerar ou recortar os tratamentos e reducir as baixas.
O Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións anunciou un acordo coa CEOE, CEPYME, CCOO e UXT para promover a sinatura de convenios de colaboración entre os diferentes sistemas públicos de saúde autonómicos coas mutuas. O pacto da denominada ‘mesa de diálogo social’ pretende que as mutuas poidan realizar cos seus medios probas diagnósticas e tratamentos ás persoas en situación de incapacidade temporal por continxencias comúns de orixe traumatolóxica cando a xestión económica da súa prestación corresponda ás propias mutuas.
Para a organización nacionalista, esta decisión supón, máis aínda, descapitalizar a sanidade pública en favor da sanidade privada a través das mutuas. “O Goberno español, no lugar de mellorar o sistema público de saúde aumentando os recursos económicos para a dotación de máis persoal e a adquisición de nova tecnoloxía, opta por desviar recursos e fondos públicos ao sector privado” denuncia o deputado do BNG no Congreso.
“Este acordo non mellorará a cobertura -todo o contrario- para as persoas traballadoras porque se renuncia a actuar sobre as causas dos procesos de baixa, limitándose a actuar sobre as consecuencias: o número de incapacidades temporais e a súa duración” alerta Néstor Rego. E, do mesmo xeito, este sistema permitirá que as mutuas interveñan para acelerar ou recortar os tratamentos, así como reducir a duración das baixas.
O Goberno, reclama Rego, debe dar marcha atrás nesta medida porque, se non o fixer, estará apoiando a posición do sector privado como competidor do sistema público, tamén á hora de contratar médicos e médicas especialistas en radioloxía, por exemplo, grazas ao aumento das derivacións á privada por medio das mutuas.
En opinión do deputado nacionalista, o executivo español de PSOE e Sumar demostra con este tipo de medidas que está a asumir os argumentos da patronal sobre absentismo laboral, culpabilizando as persoas traballadoras por estaren en situación de baixa, ademais de contribuír para precarizar o sistema sanitario público en favor da sanidade privada.