BNG urxe o Goberno executar obras de reforma e mellora no IEO de Vigo
Carme da Silva sinala a necesidade de que o executivo leve a cabo o proxecto de rehabilitación e axilice as obras ante os graves problemas estruturais do centro
“Está disposto o Goberno a priorizar este proxecto de modo que se inicien as obras o antes posíbel” pregunta a senadora do BNG
A senadora do BNG, Carme da Silva, decide rexistrar iniciativas para a respostas escrita por parte do Goberno do Estado ante o estado actual de deterioro e os problemas estruturais do Instituto de Oceanografía de Vigo. Da Silva quere coñecer como se atopa o proxecto de rehabilitación do centro e a construción da nova planta de cultivo, así como se o Goberno está disposto a priorizar e axilizar as obras, e solucionar “de forma urxente” o mal estado do centro que mesmo está comprometendo a seguridade do persoal.
O deterioro e mal estado das dependencias do IEO é obxecto de novas preguntas por parte do BNG nas Cortes que, neste caso, quere coñecer a disposición do Ministerio de Ciencia -carteira responsábel- para leva a cabo “de forma inmediata” actuacións de rehabilitación e reforma do centro IEO de Vigo. “Consideramos que non se pode demorar nin aprazar máis esta actuación ante o estado de abandono e de ruína” denuncia a senadora do BNG.
Cabe destacar, lembra Carme da Silva, que o deterioro e o mal estado das dependencias do IEO é motivo de preocupación desde hai moito tempo, especialmente por parte do persoal do centro que ve ameazada a súa seguridade cando acoden a diario ao desempeño da súa actividade. “Estanse vendo obrigados a traballar no salón de actos, levar casco nunha das dependencias debido á caída de entullos e soportar un aire viciado posto que non funcionan os sistemas de ventilación” exemplifica.
Impulsar o proxecto e axilizar as obras de rehabilitación
A mediados de febreiro de 2023, o BNG xa rexistrara no Congreso iniciativas para a súa contestación por escrito. Naquel momento, recordou da Silva, o Ministerio sinalaba que ao longo de 2023 realizara o estudo estrutural dos edificios de cultivo e edificio principal do IEO en Vigo, ademais dos estudos topográficos e xeotécnicos e unha auditoría das instalacións do edificio principal.
“Con todo, aínda non se licitou o proxecto para demoler a planta de cultivo, e está pendente a redacción do proxecto de rehabilitación do edificio principal e a construción da nova planta de cultivo” lamenta.