BNG urxe o Goberno do Estado a levar a cabo a construción do vial de acceso ao porto de Mirasol en Ribadeo
Néstor Rego reclama comunicación entre Ministerio e Dirección Xeral de Patrimonio para salvar as afectacións no Camiño Norte que paralizaron o proxecto.
As obras permitirían evitar que o fluxo de tráfico de entrada e saída do porto atravese o trazado urbano do concello mariñá.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acometa as obras de construción do vial paralelo para o acceso ao porto de Mirasol en Ribadeo. A formación nacionalista cualifica como necesaria a actuación para dar entrada e saída ao fluxo de tráfico que circula pola actual vía de circunvalación e evitar que penetren o trazado urbano e reclama o compromiso do Goberno do Estado para a reposición do cruzamento do Camiño Norte de Santiago de Compostela.
Néstor Rego mantivo unha reunión coa equipa municipal do Concello de Ribadeo en que lle trasladaron a necesidade de que se retomen as xestións necesarias para a construción do vial paralelo para o acceso directo ao porto de Mirasol. Co gallo de solucionar os problemas de tráfico pesado que entra no núcleo de Ribadeo, hai anos foi tramitado un proxecto de obras complementarias para levar a cabo este vial que conectaría o tráfico da estrada da Deputación de Lugo e a glorieta da N-642.
Mais esta actuación quedou suspendida en 2008 por recibiren un informe desfavorábel da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza por considerar que o proxecto afectaba o trazado do Camiño Norte a Santiago de Compostela. A paralización acabou sendo indefinida a pesar de que o Ministerio, por aquel tempo, remitiu unha proposta de solución á afección do Camiño de Santiago. Un proxecto que contaba xa cunha partida orzamentaria específica e coas expropiacións feitas- retornadas logo aos seus propietarios- parece terse dado por fechado definitivamente polo Goberno do Estado.
“Nin a corporación local nin a veciñanza de Ribadeo entenden esta decisión que foi adoptada no seu momento sen realizar tan sequera unha comunicación do Ministerio ao Concello” subliña Rego. Anos despois, o Concello volveu dirixirse ao Goberno do Estado interesándose polo estado das actuacións e recibiron como resposta a confirmación de que non se realizara avance algún nin había intención de facelo.
En opinión do deputado nacionalista, “é urxente que o Ministerio retome o proxecto e acometa as obras para a construción desta importante vía de comunicación que sirva de entrada e saída aos fluxos de tráfico que circulan pola actual circunvalación”. Retomar o proxecto significaría “evitar a súa entrada no trazado urbano e especialmente cando estamos a falar de transporte pesado, agrícola ou forestal”.
Así mesmo, Rego urxe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a solicitar novamente a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza con quen debe negociarse unha solución construtiva que salve os posíbeis reparos, destacando que existía xa un compromiso de “reposición do cruzamento do Camiño Norte de Santiago de Compostela, necesítase agora vontade política para chegar a un entendemento entre as dúas Administracións que poña por diante o servizo aos cidadáns e cidadás de Ribadeo”.