BNG urxe o Goberno do Estado a aumentar as frecuencias ferroviarias na Galiza
Néstor Rego exixe solucionar rapidamente os problemas e retrasos existentes nas liñas que conectan as principais cidades do País que están a provocar graves prexuízos entre as persoas usuarias do servizo
A frente nacionalista aposta pola promoción do ferrocarril como medio “máis eficiente, eficaz e sustentábel” neste inicio de ano, para reducir a necesidade de usar os vehículos particulares
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado a mellora dos servizos ferroviarios a través do aumento das frecuencias nas liñas que conectan os principais núcleos de poboación na Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama o incremento, a comezar polas franxas horarias con maior demanda, unha medida que axudaría a paliar os graves prexuízos que están a supor os continuos retrasos das liñas e permitirían promocionar o transporte público colectivo en detrimento do vehículo particular.
A bonificación, estabelecida polo Goberno do Estado, animou centenas de persoas a empregaren o transporte público en substitución do vehículo particular para, entre outras cuestións, desprazarse para ir ao centro de traballo ou centro de estudos de maneira diaria. Mais, os continuos retrasos dos trens de media distancia que operan na Galiza están a provocar malestar e graves prexuízos entre as persoas usuarias do medio de transporte.
“Existen retrasos de máis de 20 minutos nas principais liñas que conectan o Eixo Atlántico e a liña AVANT Ourense-A Coruña que provocan malestar entre as persoas usuarias” afirma o deputado do BNG. De facto, segundo explica Rego, moitas das persoas están a coller frecuencias anteriores para evitar chegar tarde ao posto de traballo, a pesar de que “escoller ese tren anterior supoña unha espera máis longa na cidade ou vila onde se encontra o centro de traballo”.
Ante esta situación, a frente nacionalista reclama o aumento das frecuencias dos ferrocarrís que operan na Galiza, a comezar polo seu aumento nas franxas horarios con maior demanda. “A primeira hora da mañá son centenas de persoas as que empregan este servizo para ir ao traballo e, mesmo, para ir aos centros de estudos. O mesmo acontece entre a unha e as catro da mediodía e ao remate do día” explica Rego.
Esta medida que propón a organización nacionalista “permitiría calmar o tráfico de pasaxeiros e desconxestionar as longas colas que se producen nas principais estacións do País, así como axudaría a atraer posíbeis persoas usuarias a este servizo e reducir a necesidade de usar o vehículo particular”.
Rego lembra que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e Renfe aínda non recuperaron todas as liñas suprimidas por mor da pandemia xerada pola COVID-19. “Débese incrementar os número de viaxes entre as principais cidades da Galiza e recuperar as conexións que existiron, así como aumentar as frecuencias no resto de liñas ferroviarias na Galiza” insiste Néstor Rego.