BNG urxe o Goberno abrir ao público o antes posíbel o parque do Observatorio na Agra do Orzán, na Coruña
Néstor Rego exixe explicacións para coñecer os motivos da parálise no cumprimento do protocolo e demanda proceder con rapidez á súa apertura e acondicionamento
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado acelerar o plan para abrir ao público o parque e a zona verde do Observatorio meteorolóxico situado no barrio da Agra do Orzán, na cidade herculina. Ante a parálise para materializar a actuación prevista, a organización nacionalista reclama a máxima celeridade para ofrecer á veciñanza un espazo verde e de esparexemento nunha zona case carente deste tipo de espazos.
Após a sinatura do protocolo para abrir ao acceso público o parque e a zona verde do Observatorio meteorolóxico entre o Concello da Coruña e a AEMET en 2023, o barrio herculino da Agra do Orzán continúa sen verse dotado dunha zona verde de esparexemento. A parálise coa que conta este proxecto xa vai preto de cumprir dous anos e, ante esta situación, a frente nacionalista demanda materializar o antes posíbel a actuación e abrir ao público este espazo.
A idea inicial, lembra o deputado do BNG no Congreso, consistía e acondicionar o parque e derrubar o muro que o rodea para abrilo ás rúas circundantes de Canceliña, Páramo e Gregorio Hernández. “Nun barrio carente de áreas verdes e de esparexemento, esta era unha actuación fundamental e unha demanda histórica da veciñanza da Agra do Orzán” recorda Néstor Rego. Unha zona densamente poboada e urbanizada que “precisa de áreas verdes que cada vez son máis escasas debido a unha crecente urbanización”.
“Non se entende esta demora posto que tras a automatización do Observatorio meteorolóxico da Coruña, hai xa uns anos, a AEMET non precisa utilizar os terreos nin as instalacións. Só se mantén un pequeno espazo de acceso restrinxido e protexido, o resto está sen actividade algunha” indica o deputado do BNG no Congreso.
Para máis inri, cabe lembrar que o parque da Agra estaba aberto ao público antes da pandemia mais, desde entón, a veciñanza viuse privada dunha área verde e confiaba en que despois de asinarse o protocolo de colaboración, se procedería con rapidez á súa apertura e acondicionamento nos termos do proxecto. “Resulta incomprensíbel a situación de parálise para materializar esta actuación que non reviste de ningunha dificultade” afirma Rego.
Ante esta situación, o BNG exixe explicacións ao Goberno do Estado para coñecer a que se debe o importante retraso no cumprimento do protocolo asinado e demanda a máxima celeridade para cumprilo e abrir ao acceso público este parque e zona verde.