BNG urxe frear a revisión da Directiva de Tributación da Enerxía que eliminará as axudas aos combustíbeis do sector pesqueiro
Demanda o recoñecemento da Galiza como “zona altamente dependente da pesca” para garantir o futuro do sector no País e evitar as graves consecuencias sociais e económicas
Néstor Rego: “Estamos diante dunha política da Unión dirixida ao despezamento e á eliminación da frota, especialmente da artesanal maquillada de transición ecolóxica”
BNG rexistra iniciativas para o seu debate no Congreso para que o Goberno do Estado free as medidas do “Fit for 55” e a proposta da Comisión Europea para a modificación da Directiva de Tributación da enerxía que afectará ao sector pesqueiro da Galiza por supor un incremento no custo dos combustíbeis. Insta a elaborar, en colaboración co sector, estudos e informes sobre o impacto que tería dita modificación e iniciar todas as accións para paralizar a proposta. Urxe facer valer o carácter de País altamente dependente da pesca no caso galego diante da Unión Europea.
No mes de setembro, a Comisión de Pesca do Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade dirixirse ao Goberno do Estado español para exixirlle que demande ante a UE e da OMC pór freo á proposta de prohibir as subvencións á compra ou a cubrir os custes de combustíbel. O obxectivo da iniciativa é defender a igualdade global da actividade marítimo-pesqueira e da competitividade e sustentabilidade da frota galega. No mes de outubro, esta mesma iniciativa foi aprobada por unanimidade na sesión plenaria do Parlamento.
Ambos os acordos adoptábanse debido á profunda preocupación xerada polas negociacións da Organización Mundial do Comercio (OMC) sobre as axudas que recibe o sector pesqueiro e, concretamente, pola posíbel eliminación das exencións fiscais aos combustibles. A OMC non logrou tomar o acordo que pretendía na súa reunión do 15 de xullo e, finalmente, o debate presúmese que será definitivo en decembro.
Ao mesmo tempo, a Comisión Europea anunciaba un paquete de medidas, chamado “Fit for 55” para acelerar os obxectivos e cumprir o Pacto Verde Europeo que tamén pode ter un efecto prexudicial no sector pesqueiro. O “Fit for 55” ten como obxectivo reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en 55% para 2030 e, para conseguilo, a Comisión presentou diferentes propostas entre as que figura a revisión da Directiva de Tributación da Enerxía. O obxectivo é fomentar o uso das tecnoloxías limpas eliminando os prezos de combustibles libres de impostos dos que viña beneficiándose o sector pesqueiro.
A proposta, que outorga aos Estados membros a capacidade de fixar a intensidade do gravame a partir dun mínimo de algo máis de tres euros por cada 100 litros, “deixaría aos pequenos pescadores nunha peor situación” e “aumentaría os riscos para o medio mariño polo incremento de reposicións en alta mar no caso dos buques que pescan en augas internacionais”, segundo recoñeceu o propio vicepresidente da Comisión Europea.
“Este é precisamente o caso de Galiza, onde a pesca maioritaria é a artesanal, con preto de 4.000 embarcacións que sufrirían consecuencias irreversíbeis” denuncia o deputado do BNG, Néstor Rego. No caso das frotas de altura e gran altura, os custos de combustíbel poden alcanzar “máis de 40% dos gastos dunha empresa e encher o depósito de 300.000 litros dun buque medio pode representar un sobrecusto de 10.500 euros”. As cantidades dispáranse aínda máis se falamos de barcos de gran altura con depósitos de combustible que están entre os 800.000 e 1.300.000 litros.
“Estamos diante dunha política da Unión dirixida ao despezamento e á eliminación da frota, especialmente da artesanal, neste caso maquillada de transición ecolóxica e dunha descarbonización que, si, vai producirse, pero pola vía da desaparición de miles de embarcacións” subliña Rego. De novo, segundo explicou o deputado nacionalista, os factores social e económico que a propia Política Pesqueira Común indica que se deben ter en conta á hora de tomar medidas, “desaparecen en aras dunha transición que é totalmente inxusta para países altamente dependentes da pesca, como é o caso da Galiza”.
Por este motivo, a organización frentista retoma a ofensiva institucional no Congreso para que o executivo estatal rexeite esta nova medida e a modificación da Directiva de Tributación da Enerxía. “Demandamos ao Goberno do Estado elaborar, en colaboración co sector pesqueiro, estudos e informes sobre o impacto social, económico e laboral que suporá a modificación da Directiva e facer valer o carácter de País altamente dependente da pesca da Galiza ante a Unión Europea” reivindica Néstor Rego. Paralelamente, o deputado propón iniciar todas as accións necesarias para paralizar a proposta e evitar os efectos negativos na frota galega.
De non manter unha postura contraria, as consecuencias serían “desastrosas” para a frota galega pesqueira, cunha diminución do números de barcos comezada nos anos 90, así como a redución da operatividade nos portos galegos pola existencia de combustíbeis máis baratos en portos non comunitarios e favorecería a expansión das grandes frotas de terceiros países.
“Hai que indicar que todas as medidas propostas non suporán a descarbonización real da frota polo baixo desenvolvemento de combustíbeis alternativos aos actuais e ao uso da tecnoloxía necesaria para o seu almacenamento e emprego” apunta o deputado nacionalista.
A modificación da Directiva xa superou o pasado día 18 a súa fase de recepción de consideracións, que se trasladarán posteriormente ao Consello e ao Parlamento europeo, con todo, a proposta xa contempla que non haberá medidas de compensación a pesar da que o sector está a advertir de que non pode soportar máis custos e que, de levarse a cabo as medidas propostas, o impacto económico e social será incalculábel.
Estes efectos negativos van aplicarse nun momento no que a situación da flota é xa crítica, sobre todo pola ameaza da grande redución das cotas pesqueiras que se están a debater no Consello de ministros de Pesca da Unión Europea neste momento, negociacións que non auguran bos resultados para o sector pesqueiro galego.