BNG urxe a estabelecer un cartón de cidadanía transfronteirizo entre a Galiza e Portugal
Rego demanda incluír todas as persoas que fan vida na área transfronteiriza por motivos de estudos, de negocios ou semellantes, ademais das persoas traballadoras, que deben atravesar diariamente a fronteira
“Despois de dous anos de pandemia, os Gobernos de Portugal e o Estado español aínda non puxeron en marcha un documento que resolva os problemas derivados do fechamento das fronteiras na rexión transfronteiriza do Miño, denuncia o BNG
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas no Congreso para coñecer en que estado de tramitación se acha o cartón de cidadanía transfronteirizo a que se comprometeron os gobernos do Estado español e Portugal, así como o alcance que terá. Ademais, a organización nacionalista demanda incluír no cartón todas as persoas que por razóns laborais, de estudos ou outros motivos tiveren que atravesar a fronteira de maneira diaria.
O fechamento e as restricións impostas nos pasos fronteirizos entre Portugal e a Galiza durante a declaracións dos estados de alarma e calamidade en 2020 e 2021 repercutiu de maneira negativa na economía de toda a rexión transfronteiriza do Miño. Desde o primeiro fechamento, tanto os concellos galegos, como as cámaras portuguesas, así como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do río Miño, demandaron a creación dun mecanismo que facilite a circulación das persoas que teñen que desprazarse a diario dun lado a outro da fronteira por motivos laborais, de estudo ou outros.
Todos os actores implicados propuxeron permitir o paso mediante a presentación dun cartón ou tarxeta de cidadanía transfronteiriza para facilitar a circulación normal das e dos que deben atravesar a diario a fronteira. Tras as dúas última cimeiras ibéricas, que decorreron en 2020 e 2021, ambos executivos comprometéronse a traballar para atender esta reclamación mais agora parece limitarse á creación dun “estatuto do traballador/a transfronteirizo” que podería deixar fóra moitas persoas.
“Queremos saber en que estado se acha a tramitación dese cartón transfronteirizo que ambas institucións se comprometeron a desenvolver e se vai limitarse ao chamado Estatuto do Traballador e Traballadora Transfronteiriza” explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. “Nin a Xunta da Galiza, nin a AECT Galiza-Norte de Portugal, nin a AECT Verín-Chaves, nin a AECT do río Miño, nin os concellos ou cámaras respectivas que forman parte delas recibiron comunicación ou consultas sobre as liñas de traballo seguidas para a posta en marcha dun futuro cartón transfronteirizo” denuncia o deputado nacionalista.
Na cimeira de Trujillo (2021), os comunicados de prensa facían referencia a que eran os Ministerios de Traballo de ambos os estados os que estarían a elaborar ese “Estatuto do Traballador Transfronteirizo”, mais descoñécese en que vai consistir, nin que interlocutores sociais ou territoriais están tendo ambos os ministerios para a elaboración do citado estatuto. A organización frentista, na iniciativa rexistrada, tamén quere coñecer o alcance que terá o Estatuto e se “se poderá aplicar tamén ao resto de persoas que fan vida na área transfronteiriza por motivos de estudo, negocio ou semellantes ou simplemente se limita de maneira exclusiva aos traballadores e traballadoras”.
Na actualidade, en plena sexta vaga da pandemia por COVID-19 e coas medidas aplicadas en decembro polo Goberno portugués, segue existindo temor pola posíbel repercusión que as futuras medidas sanitarias de restrición da mobilidade puideren ter na vida e no traballo da xente a ambos os lados. “É necesario que as autoridades gobernativas de ambos os estados avancen e poñan en marcha canto antes un pase transfronteirizo e que para a súa articulación se teña en conta as consideracións que as institucións directamente involucradas poidan achegar” conclúe Rego.