O BNG urxe a convocatoria do concurso de transición xusta para garantir o futuro industrial e social da comarca das Pontes
“Co peche dos catro grupos da central térmica non hai escusa para non aclarar todo o relativo ao nó de transición”, advirte Ramón Fernández
O mantemento do 1.400 MW de evacuación liberados co peche dos catro grupos da térmica é imprescindible para a viabilidade de novos proxectos
O deputado do BNG Ramón Fernández vén de presentar no Parlamento una nova batería de iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado a convocatoria inmediata do concurso de transición xusta para a adxudicación dos nós de evacuación das Pontes, logo de terse publicado a resolución que autoriza a Endesa ao peche dos catro grupos da súa central térmica.
Cada un destes grupos ten unha potencia neta de 350 MW, polo que a capacidade de evacuación ao sistema que se vai liberar co seu peche é de 1.400 MW. “Que vai pasar con esta capacidade de evacuación ao sistema é a gran incógnita de todo o proceso de transición enerxética do Estado español”, explica Ramón Fernández, que considera que a adxudicación dos nós de evacuación resulta imprescindible para garantir a viabilidade dos diferentes proxectos industriais anunciados para As Pontes.
O Bloque lembra nas súas iniciativas que, segundo a información de Redeia, operador do sistema, a capacidade de evacuación das Pontes logo do peche definitivo da térmica de Endesa é de 0 MW, “unha cuestión que non chegamos a comprender porque supón unha discriminación evidente respecto do acontecido en outros casos de peches de centrais térmicas e porque supón un factor de risco moi grave para o futuro industrial e social tanto da vila das Pontes como de toda a comarca”, expón.
O concurso de transición para adxudicar o nó de acceso que liberou o peche da térmica de Andorra-Teruel, tamén de Endesa, resolveuse polo Ministerio a favor dunha oferta que significa o investimento de 1.200 millóns de euros e a previsión de crear 3.500 empregos, destaca neste sentido o deputado do Bloque.
“Na actualidade, coa autorización do peche dos catro grupos xa oficial, non hai escusa para que non se aclare todo o relativo ao nó de transición das Pontes, e para que se impulse dun xeito urxente o concurso de transición para a vila, a mellor baza sen dúbida ningunha para evitar o desastre económico e social da clausura da térmica sen alternativas industriais e laborais”, apunta Ramón Fernández, que lembra que un estudo da Universidade da Coruña estimou que o final da actividade de Endesa suporá a destrución de entre 1.000 e 1.400 postos de traballo.
O deputado nacionalista subliña a necesidade de poñer o foco no impacto que terá o peche da térmica sobre a poboación e, neste sentido, considera que “a transición para ser xusta debe ser real”. É por isto que, co obxectivo de evitar un “impacto traumático” sobre o emprego, aposta por un proceso progresivo “solapando a redución da capacidade instalada coa posta en marcha de novos proxectos industriais”.
O Bloque reclamará no Parlamento o mantemento dos 1.400 MW de evacuación da central de carbón no nó de transición xusta do Concello de As Pontes e a convocatoria urxente do concurso de transición xusta para a adxudicación de 700 MW dos grupos 3 da central co mesmo procedemento empregado en Andorra-Teruel. Manteríanse así dispoñibles para o sistema os dous grupos restantes “até que non se garantan as condicións socioeconómicas precisas para unha verdadeira transición coa execución de proxectos alternativos de continuidade. A partir de entón, os outros 700 MW deberían ser tamén obxecto de concurso, segundo a proposta do BNG.
Ramón Fernández demanda así mesmo a convocatoria inmediata e urxente da Mesa de transición xusta das Pontes, coa participación de todos os seus integrantes e unha representación de Redeia como operador do sistema.