BNG urxe no Congreso publicidade do proxecto de reposición vial da AP-9 en Chapela

Redondela
Redondela

Rego demanda ao Goberno do Estado transparencia e comunicación coas entidades institucionais e sociais afectadas polas obras

Solicita a copia do proxecto e o calendario de execución das obras, así como incluír as alegacións presentadas pola veciñanza

O voceiro municipal, Xoán Carlos González, fala de “seguidismo do goberno municipal do PSOE co Ministerio, por afinidade política”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicita a copia do proxecto de reposición viaria en Chapela e rexistra preguntas para coñecer as intencións do executivo estatal e se ofrecerá absoluta transparencia neste proxecto. A organización nacionalista demanda ao Goberno do Estado que traslade unha copia ao Concello de Redondela por ser a principal institución afectada polo proxecto e permitir que a veciñanza poida coñecer o proxecto e se foron incorporadas ao documento definitivo as alegacións presentadas polas asociacións veciñais. Alén do máis, demanda as previsións de calendario para o inicio das obras de reposición, comezo e finalización.

A finais de marzo de 2021 o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana publicaba no BOE a resolución pola que aproba definitivamente o "Proxecto de Construción de reposición de viario en Chapela no tramo entre a ligazón do Morrazo e o enlace de Teis”. Rematado o período de alegacións o pasado 11 de febreiro de 2022, o Ministerio de Transportes fai público mediante este anuncio que o proxecto se converte en definitivo. “Con todo, non se coñece o contido do citado proxecto, só a información aparecida en distintas notas de prensa, pero non se puido ter acceso ao documento completo” explica o deputado nacionalista.

De facto, o propio Concello de Redondela, un dos principais afectados por estas obras de reposicións viarias, recoñecía, tras consultas realizadas polo Portavoz municipal do BNG, que non dispoñía de copia do proxecto. Tampouco se deu acceso ao mesmo ás distintas asociacións veciñais que presentaran no seu momento distintas alegacións, moi interesadas en saber se se tiveron en conta e se foron incorporadas ao proxecto definitivo.

Rego considera que o executivo debe dar acceso ou trasladar unha copia do proxecto ás entidades asociativas de Chapela e Trasmañó, así como unha copia ao Concello de Redondela “como principal afectado para que poida poñerse ao dispor das persoas interesadas en coñecelo”. Neste sentido, pregunta o motivo polo cal non se realizou aínda a súa remisión e reclama unha copia do proxecto e a incorporación ao documento definitivo as alegacións presentadas polas asociacións veciñais.

Alén do máis, a organización nacionalista pregunta ao executivo do Estado sobre o calendario previsto para o comezo das obras de reposición, así como a previsión para o comezo das obras e as datas para a súa finalización.

Seguidismo do PSOE en Redondela

O portavoz do BNG no Concello de Redondela, Xoán Carlos González, critica a pasividade do goberno municipal ante a falta de transparencia do Goberno central no proxecto definitivo de reposición, inclusive dando os parabéns e louvando a inversión. “Fixérono sen coñecer o proxecto, dun xeito irresponsábel e facendo seguidismo das actuacións dun goberno afín politicamente” denuncia González. Unhas obras que, a día de hoxe, nin goberno nin oposición coñecen o proxecto aprobado de maneira definitiva

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG