BNG urxe no Congreso a paralización da Liña de Alta Tensión nas Neves e Arbo
O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que atenda as alegacións presentadas polas distintas administracións, asociacións e colectivos pola afectación que provocará o proxecto de trazado que propón a Rede Eléctrica para a LIE Interconexión Norte con Portugal. Así mesmo, urxe denegar a súa autorización polo gran impacto que suporá para a calidade de vida das veciñas e polo efecto negativo no patrimonio natural e cultural da zona.
Mañá día 2 de xullo o deputado no Congreso Néstor Rego estará nas Neves nun acto informativo xunto co alcalde Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o deputado no Parlamento galego Luís Bará e a representante no Parlamento europeo Ana Miranda. O encontro decorrerá ás 20:30 horas na Alameda/Torreiro de Vide.
A Rede Eléctrica propón un trazado que en 2013 consideraba inviábel para a instalación das Liñas de Alta Tensión (LAT) condutora de 400.000 voltios, de Fontefría atravesando o río Miño até entrar en Portugal. Este proxecto, afectaría de maneira directa aos concellos das Neves e Arbo, especialmente aos núcleos de poboación pertencentes ás parroquias de Vide, no primeiro dos concellos, e a Sela. A proximidade con estas zonas de poboación é un dos principais problemas xa que quedarían baixo a influencia da xeración de campos electromagnéticos.
“Existen informes que relacionan a exposición a campos electromagnéticos co desenvolvemento de procesos canceríxenos ou alteracións na resposta inmunitaria, afectando tamén á fertilidade, a reprodución e o desenvolvemento dos seres vivos, así como ao sistema cardiovascular, ao comportamento e sendo causa de tensión” explica o deputado do BNG. Así mesmo, tamén se demostrou que inflúen na concentración de ións de calcio na membrana celular e que afecta os niveis da hormona melatonina das persoas expostas. “En 2007 da Organización Mundial da Saúde estabeleceu como posíbel causa de cancro nas persoas a exposición aos campos electromagnéticos, así como o potencial desenvolvemento de leucemia en nenos e nenas” lembra o deputado.
Por outra banda, a organización frentista sinala a afectación que este tipo de proxectos ten sobre o patrimonio cultural e natural da zona onde se instalan. “O proxecto pasará polo Castro de San Martiño e afectará a petroglifos da zona, elementos catalogados como Ben de Interese Cultural en zona de protección recollidos no Patrimonio Cultural da Galiza” enfatiza o deputado do BNG.
“Con todo, o castro de San Martiño non é o único ben patrimonial afectado, senón que ao seu paso tamén se invadirán os espazos correspondentes á mámoa de Mámoa de San Martiño, a Mámoa de Teceláns, as Mámoas do Chan dá Folga, a Mámoa do Coto do Inferno, o Dólmen do Chan de Rozadas e a numerosos petróglifos diseminados en rocas de toda a zona de construción da liña, así como á Capela de San Martiño de Piñeiro” enumera Néstor Rego.
Outra consideración que desaconsella o trazado proposto é o gran impacto visual e paisaxístico ao atravesar unha zona elevada, o que supoñerá que sexa vista desde gran distancia, o que terá efectos negativos sobre o turismo e a calidade paisaxística na chamada Serra de San Fins para logo cruzar o río Miño e continuar por Portugal.
“O trazado non analiza tampouco coa rigorosidade que debería o impacto sobre as traídas de augas e mananciais así como sobre as canalizacións destas augas cara aos depósitos de distribución” replica Rego. As traídas de auga afectadas son as correspondentes ás Comunidades de Usuarios de Rozas-Granxa, Sela e Vide. “Resulta evidente que a liña vai incidir directamente en mananciais, depósitos e mesmo no arroio “ Navallón” sen que REE determine as súas consecuencias” analiza.
Debe terse en consideración, tamén, que a construción da liña de alta tensión “imposibilitará e freará a execución de distintos Proxectos ambientais previstos como é o caso do Parque Forestal dá Serra de San Fins que pretende poñer en marcha medidas de diminución do risco de incendios”. Todas as cuestións expostas deixan claro que o trazado exposto no proxecto non é viábel, pois “afectaría gravemente á saúde e a calidade de vida das persoas, ao patrimonio natural e patrimonial e á riqueza paisaxística da zona”.
“Resulta evidente que o informe que debe emitir a Administración Xeral do Estado á vista das alegacións presentadas é negativo e, por tanto, débese denegar a autorización para a construción da LIE Interconexión Norte con Portugal entre os apoios T-37 e T-43 da L/400 kV Fontefría-Fronteira Portuguesa” conclúe Rego.