O BNG urxe a comparecencia de Rajoy para explicar as contraprestacións do resgate

A voceira do GP do BNG, Ana Pontón, ante a posibilidade de que esta mesma tarde se confirme o resgate do sistema bancario español, afirmou que urxe a comparecencia do presidente do goberno do Estado, Mariano Rajoy, para que dea conta das condicións e contraprestacións que vai traer consigo o dito resgate.

Ana Pontón, en declaración aos medios antes de participar na manifestación en defensa do monte galego en Santiago, explicou que para o BNG tamén é fundamental que se investigue e se vaia ao fondo das causas da crise.

“Tanto os responsábeis políticos como os do ámbito da xestión dos bancos –dixo- teñen que ser investigados e dende logo teñen que depurarse responsabilidades políticas e penais”.

A voceira parlamentar lembrou que xa se viu en países como Grecia e Portugal cales son as consecuencias dun resgate e asegurou que,dende logo, ese non é o modelo social nin as políticas que o BNG quer nin defende para Galiza, “pois o único que provocaron neses países foi máis pobreza, máis desigualdade e unha situación dramática para milleiros de persoas”.

Tanto os responsábeis políticos como os do ámbito da xestión dos bancos teñen que ser investigados

Pontón advertiu de que o BNG leva dicindo durante todo a crise que as políticas que impuxeron durante estes anos tanto PSOE como PP só levaban ao desastre e este novo resgate confirma que por este camiño vaise de mal en peor.

“Estamos ante un novo resgate á banca privada que se quer facer a costa de menos dereitos para o pobo, de menos dereitos para os cidadáns e de novos recortes”, concluiu.