BNG urxe a comparecencia da Ministra de Industria para explicar as actuacións do Goberno en Alcoa

Alcoa
Néstor Rego anuncia novas iniciativas na cámara baixa tras a reunión co comité de empresa da fábrica de aluminio e reclama ao Goberno que cumpra a resolución da Comisión de industria do Congreso, aprobada a instancia do BNG, que apostaba pola intervención pública como vía para garantir a continuidade dos postos de traballo na Mariña

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro da solicitude de comparecencia da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para explicar as actuacións do Goberno do Estado da planta da Mariña de Alcoa. A formación nacionalista mantén unha xuntanza co comité de empresa para trasladar as novas iniciativas e reclama a intervención pública, aínda que sexa temporal, para salvagardar a totalidade dos postos de traballo.

Rego traslada o apoio da formación nacionalista aos traballadores e traballadoras de Alcoa na súa loita “por manter a actividade e salvar a totalidade dos postos de traballo”. Na xuntanza co comité de empresa tamén participaron o deputado no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, a responsábel comarcal do BNG na Mariña, Ana Ermida, e outros representantes da formación nacionalista a nivel local e comarcal como os voceiros municipais do BNG en Cervo, Burela e Viveiro.

“O Bloque Nacionalista Galego ten claro que a solución de Alcoa pasa pola intervención pública, mesmo que sexa unha intervención pública temporal da planta” lembra o deputado no Congreso. Por este motivo, Rego non entende a actitude do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de “rexeitar nos últimos tempos a posibilidade de que fose adquirida temporalmente pola SEPI”. Posteriormente, segundo explica o deputado, a fábrica podería pasar a mans dun operador industrial “cun proxecto serio, solvente e de futuro para a planta de aluminio”.

Calquera proxecto que se presente para comprar a fábrica “ten que garantir a continuidade dos postos de traballo e, polo tanto, a actividade na Mariña”. Nese sentido, anunciou Rego, o BNG seguirá traballando para exixir ás administracións públicas que teñen competencias en materia industrial para que actúen de maneira decidida, “desde a Xunta de Galiza, que non pode pórse de perfil neste problema tan grave, até o Goberno do Estado”.

Após moitos meses desde o comezo do conflicto “existe un total silencio por parte do Goberno do Estado que nin se digna a pórse en contacto co comité de empresa. Case un ano e medio despois do anuncio da empresa de levar a cabo o ERE, seguimos no mesmo punto”. Por este motivo, Rego avanza o rexistro da solicitude de comparecencia da Ministra en Comisión “para que explique en que punto están as negociacións, a postura de Goberno e lle dea unha resposta rotunda ao comité de empresa de Alcoa e ao conxunto da cidadanía da Mariña”.

Apoio das cámaras galega e estatal

“Sabemos que o futuro de Alcoa pasa pola intervención pública, pasa por que a SEPI adquira esta planta e continuaremos reclamando para que isto suceda porque sabemos que é fundamental para o conxunto da Mariña e para o conxunto da Galiza” explica Néstor Rego. Neste punto, lembrou que existe acordos unánimes, tanto no Parlamento e Galiza como no Congreso dos deputados, para que a SEPI se fixera cargo da planta da Mariña. En concreto, “existe dúas resolucións no Parlamento e unha no Congreso que o Goberno do Estado non tivo en consideración e mesmo a Ministra ten que explicar porque retirou a SEPI do proceso” conclúe.